Borja Facal: “O Baio presentouse como unha boa oportunidade”

Borja Facal Lema (Laxe, 1985) afronta a súa primeira tempada á fronte do Baio, un novo reto que compaxina co seu labor como docente de Educación Física.

Adestrador traballador, comunicativo e namorado do bo fútbol, conta cunha ampla experiencia nos banquiños, tanto na base do Bergantiños e algúns partidos no primeiro equipo, como na canteira do Dépor, onde dirixiu durante dúas campañas a área de metodoloxía. A súa traxectoria como futbolista levouno a vestir as camisolas do Bergan, Fabril, Murcia, Racing e Compos, unha experiencia que enriquece agora a súa visión do xogo.

Como naceu a túa paixón por adestrar?
Creo que naceu sobre todo da curiosidade por entendelo. Durante a miña etapa como futbolista sempre me gustou tratar de comprender o porqué das cousas, analizar o xogo e observar como os adestradores trataban de influír no rendemento dos equipos. Co paso dos anos fun descubrindo que me atraía tanto competir como axudar a outros a mellorar, e aí foi onde apareceu esa vocación por adestrar. Persoalmente o máis apaixonante de ser adestrador non é simplemente transmitir unha idea de xogo, senón conseguir que un grupo de xogadores crean nela, a faga súa , e sexamos capaz de construír un equipo con identidade.

Cambiou a túa maneira de ver o fútbol desde que es adestrador?
Si, considerablemente. Cando es xogador ves o fútbol dende a túa propia perspectiva, condicionado polas túas propias vivencias, polo teu rendemento e polo que sucede ao teu arredor. Cando es adestrador, isto cambia completamente. Comezas a entender a complexidade que hai detrás de cada decisión, a importancia de xestionar un grupo e, sobre todo, que non existe unha única maneira de chegar ao mesmo obxectivo. Comprendes que antes de adestrar futbolistas lideras persoas, e que detrás de cada persoa hai unhas circunstancias, inquietudes e expectativas que se desexan cumprir.

Que che levou a aceptar a proposta do Baio?
Principalmente a ilusión de volver vivir o fútbol dende o día a día dun vestiario e a responsabilidade de liderar un equipo. Despois de varios anos moi enriquecedores vinculados á formación e á metodoloxía, apetecíame recuperar esa parte máis emocional da competición como é preparar un partido, compartir o traballo semanal co corpo técnico, cos xogadores e afrontar xuntos os retos que van aparecendo. O Baio presentouse como unha boa oportunidade. Un club histórico da Costa, cunha afección moi vinculada ao equipo e cun gran sentimento de pertenza. Tamén había algo que para min era especialmente importante, sentir que existía confianza e ilusión por construír un proxecto. E sobre todo, sabía que chegaba a un club cunha cultura de adestramento, de compromiso e adicación doutra categoría.

Que é o que máis che sorprende desta experiencia?
Máis que sorprenderme, estame reafirmando moitas das cousas das que me falaban do Baio. Especialmente no valor do compromiso. Falo de xogadores que teñen os seus traballos, estudos nas cidades, familias ou responsabilidades, pero que son capaces de comprometerse e adicar unha parte moi importante do seu tempo a algo que lles apaixona. E iso ten moitísimo mérito. Aquí hai persoas que levan toda unha vida vinculadas a unhas cores, directivos que adican incontables horas sen esperar nada a cambio. Esa implicación é difícil de explicar se non a vives dende dentro.
Tamén estou desfrutando especialmente do proceso da construción do equipo. Ver como os xogadores van interiorizando unha idea, como medra a confianza entre eles e como o grupo vai adquirindo unha identidade propia. Se de algo estou especialmente abraiado, é da predisposición do grupo para traballar e mellorar. Cando un equipo entende que o éxito colectivo está por encima dos intereses individuais, comezan a suceder cousas moi interesantes.

Que ten o fútbol modesto que non se atopa noutras categorías de maior nivel?
Creo que conserva a esencia e a parte máis auténtica deste deporte. No fútbol modesto todo é máis próximo. Coñeces a xente que está detrás do club, compartes o día a día cos afeccionados e percibes que o equipo representa algo importante para a xente. Tiven a oportunidade de coñecer contextos deportivos moi diferentes. Pero o fútbol da Costa ten unha identidade particular, con unha enorme paixón, marcada pola proximidade, a rivalidade deportiva entre vilas e un sentimento de pertenza brutal.

Que aprendiches da vida grazas ao fútbol?
Creo que o fútbol foi, e continúa sendo unha das grandes escolas de aprendizaxe da miña vida. Moito máis alá dos coñecementos deportivos, permitiume desenvolver unha maneira de entender as persoas, as relacións humanas e a forma de afrontar os desafíos que se nos presentan. Este deporte sitúate constantemente ante situacións que teñen similitudes coa vida. Ensínache a convivir coa incerteza, a aceptar que non sempre existe unha relación directa entre o esforzo e o resultado, a xestionar a frustración e a comprender que equivocarse forma parte de calquera proceso de aprendizaxe. Por iso, o maior valor do fútbol non está só no que nos permite conseguir, senón, sobre todo, nas persoas nas que nos axuda a converternos.

Fotos: fotofuentes

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas