A dianteira María Tojo Fariñas (Arzúa, 2004) destaca pola súa velocidade, olfacto goleador e habilidade no un contra un.
Tras chegar ao Bergan a pasada tempada, na que compaxinou o filial coa dinámica do primeiro equipo, este curso xa forma parte do cadro principal. Anteriormente, militou no filial do Victoria CF e no Eirís. A súa intensidade na presión convértea nunha ameaza constante para as defensas rivais.
Que significa para ti formar parte do Bergan?
Para min, formar parte do Bergan é como estar na casa, xa que desde o primeiro día me sentín acollida e moi cómoda grazas ao gran vestiario que temos. E é para min todo un orgullo poder formar parte deste gran club.
Que gol da túa carreira recordas con máis cariño?
Aínda que nunca se esquece o primeiro gol que marcas, téñolle moito cariño ao primeiro que marquei coa camiseta do Bergan, xa que me axudou a coller confianza e a sentir que empezaba a achegar ao equipo.
Quen foi o teu maior referente no fútbol?
O meu maior referente no fútbol desde pequena foi Carles Puyol. Sempre me marcou a súa determinación e competitividade. Un xogador que non daba un só balón por perdido, que ía con todo en cada xogada e que nunca baixaba os brazos.
Fotos: fotoschimpi



