O domingo xogouse a segunda xornada correspondente á Liga Atlántica de Billarda da Conferencia Noroeste(2021-2022) no antigo campo de fútbol de Cabanas, na Comarca do Eume, a carón da fermosísima Ría de Ares.
Os organizadores da Billarda agradecen ao Concello de Cabanas por permitir xogar neste lugar e preparar todo, cortando a herba para que a práctica desta actividade deportiva sexa perfecta. Ao evento acudiron o Alcalde Carlos Ladra na entrega de trofeos. Tamén agradeceron á Técnica de Cultura e Deportes María López e a revista Bisbarra en xogo pola súa presenza na segunda xornada.
Na categoría absoluta, o campión da xornada foi Collazo do Campo da Feira de Paiosaco, sendo Riveiro da APB A Laracha segundo e o terceiro clasificado foi Eladio, tamén do Campo da Feira.
Na categoría feminina, Isa, do Campo da Feira, foi a campioa, seguida por Marisa da Lúa de Forza de Sanxenxo na segunda posición e Delia do Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei ocupando a terceira praza.
Na categoría infantil, Abel do Campo da Feira dominou a xornada sendo o campión, mentres que a segunda praza foi para Kevin da APB e a terceira clasificada foi Noa de Filloas de Sangue da Coruña.
En canto aos resultados por equipos, Campo da Feira foi o vencedor desta segunda xornada, seguido APB na segunda posición e Filloas de Sangue no terceiro posto.