A UD Somozas xa coñece o seu camiño na Terceira Federación 2026-27

A conta atrás para o inicio da Terceira Federación 2026-27 xa está en marcha e a praia do Faro, na Illa de Arousa, converteuse nun escenario inmellorable para acoller o sorteo do calendario da nova tempada, nun acto celebrado á beira da ría que serviu de marco para dar o pistoletazo de saída ao novo curso futbolístico.

Os dezaoito equipos que competirán na categoría coñeceron a folla de ruta dunha campaña que promete máxima igualdade e emoción. O evento contou coa presenza do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; do alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa; así como de representantes dos clubs participantes.

No que respecta ao Somozas, comezará a liga o vindeiro 6 de setembro diante da súa afección. O estadio Manuel Candocia será o escenario da estrea ligueira, coa visita do Portonovo nun encontro que abrirá oficialmente o camiño dos verdes na competición.

Tras coñecer o calendario, a UD Somozas xa pode planificar con detalle a preparación dunha tempada na que buscará competir ao máximo nivel e converter o Manuel Candocia nun fortín desde a primeira xornada. O duelo inaugural ante o Portonovo suporá o primeiro exame dun curso que se presenta esixente e no que cada punto será decisivo para cumprir os obxectivos marcados.

Co calendario xa definido, só resta continuar coa preparación estival e agardar á chegada do balón ao centro do campo para que a Terceira Federación 2026-27 bote a andar.

Foto: Futgal

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas