Lucas Wünschmann: “Estou contento de xogar unha tempada máis neste club”

Lucas Wünschmann Porta (Neda, 2004) comezou a forxar o seu destino entre redes e balóns na canteira do Sansa.

Alí medrou ata conquistar os escenarios da Superliga 2 e da Superliga 1. A súa aventura levouno ao Vigo durante unha tempada, antes de regresar á casa sadurniñesa, onde cumpre a súa cuarta campaña consecutiva. Agora, transformado este ano en receptor tras ser oposto na súa traxectoria, continúa a súa batalla deportiva. A chamada da selección española U23 confirmou o seu gran talento e potencial, aínda que o preeuropeo quedou sen a súa estrea.

Que significa para ti vestir esta camiseta por cuarta tempada consecutiva?
Pois a verdade é que estou contento de poder xogar unha tempada máis neste club, tendo en conta que estaremos na máxima categoría do voleibol español.

Que opinas do novo rol como receptor?
Para min é un gran reto, porque nesta nova posición teño máis responsabilidades no xogo que cando xogaba de oposto. Pasar de xogar de oposto a receptor non é doado, tendo en conta que ata agora só xoguei de oposto. Porén, afronto este reto con moitas ganas, tanto de aprender como de mellorar nesta nova posición.

Cal é o maior reto desta tempada?
O maior reto desta tempada a nivel colectivo vai ser tratar de manternos nesta categoría, o que vai supoñer moito traballo. A nivel persoal, o obxectivo é manter un bo rendemento nesta nova posición na que vou xogar e tratar de achegar o máximo posible ao equipo.

Fotos: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas