Sergio Lema: «Queremos ser un equipo competitivo, capaz de enfrontarse a calquera rival»

O adestrador do Muxía, Sergio Lema «Pataca», afronta a nova tempada con ilusión e coa ambición de situar ao equipo na parte alta da clasificación, destacando a identidade, a intensidade e o compromiso como os piares do proxecto e advertindo de que a regularidade será clave nunha liga que terá un nivel maior que a pasada.

Con que obxectivo afronta o equipo esta tempada e que resultado considerarías un éxito ao final da liga?

O principal obxectivo é competir cada partido ao máximo e conseguir que o equipo sexa recoñecible pola súa identidade, intensidade e compromiso. Queremos ser un equipo competitivo, capaz de enfrontarse a calquera rival e manter unha liña de crecemento durante toda a tempada.

Ao final da liga, consideraría un éxito conseguir estar na parte alta da clasificación e, sobre todo, ter a sensación de que o equipo deu o seu máximo e foi fiel á idea de xogo que queremos desenvolver. Se conseguimos iso, os resultados chegarán como consecuencia do traballo.

Cal cres que vai ser a principal dificultade que vai ter o equipo nesta tempada e que aspecto consideras fundamental para competir ao máximo nivel?

A principal dificultade será manter a regularidade durante toda a tempada. Nunha competición tan longa sempre aparecen momentos complicados, lesións, sancións, partidos e momentos da tempada nos que as cousas non saen como queremos. A clave estará en saber responder a esas situacións sen perder a nosa identidade. Ademais, teño a intuición de que este ano o nivel da liga vai ser maior ca tempada que rematou,  e iso ten que un plus para que o equipo mostre o seu máximo nivel.

Como chega o equipo ao inicio da competición e que mensaxe lle queres transmitir á afección ?

Chegamos ao inicio da competición con ilusión, confianza e moitas ganas de competir. A pretempada serviunos para coñecernos mellor, incorporar conceptos e ir adaptando ás novas incorporacións ao grupo, pero agora comeza o momento realmente importante: competir polos puntos.

Á afección só lle podo dicir unha cousa, que sigan como ata agora, apoiándonos e viaxando con nós a todos os campos da liga. Prometemos traballo e compromiso, e con iso, xunto coa súa forza, os resultados seguro chegarán.

Foto: Foto Fuentes Cee

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas