Hugo López e Alejandra Álvarez, campións en Cantabria

A pasada fin de semana, o Palacio dos Deportes de Santander acolleu unha nova edición da Supercopa de España de Cantabria de judo, nas categorías infantil e cadete, onde a AD Judo Ferrolterra iniciou a tempada con moi boas sensacións, logrando resultados destacados e, sobre todo, dous triunfos nas categorías cadete e infantil.

Na xornada do sábado foi a quenda dos cadetes, con sete representantes do club ferrolterrano sobre o tatami. A actuación máis destacada foi a de Hugo López, que se proclamou campión en -55 quilos. O judoca de Narón completou unha gran competición e foi superando os seus rivais ata alcanzar a final. No seu camiño ao ouro derrotou ao cántabro Sergio Talambuta, ao estadounidense Samuel Abdelmalak, ao aragonés Marcos Blasco e ao asturiano Íñigo Álvarez. Na loita polo título, impúxose ao galego José Antonio Prieto.

Tratouse da primeira competición de Hugo na categoría de -55 kg, polo que o resultado confirma a súa rápida adaptación ao novo peso e o bo momento no que chega ao inicio da tempada.

Tamén tivo unha destacada participación Xabi Mauriz, en +90 kg. O naronés quedou finalmente na quinta posición despois de caer na disputa polo bronce ante o asturiano Arturo Rodríguez. No seu primeiro combate perdeu fronte a Miguel Ramos, tamén de Asturias, pero conseguiu recuperarse na repesca cunha vitoria ante Andría Gelashivili, representante da Rioxa. Esta foi a súa primeira competición oficial como cadete, polo que continúa no proceso de adaptación á nova categoría, deixando boas sensacións.

En -90 kg, Marcelo Eibe rematou na sétima posición, mentres que Xoel Siso (-66 kg), Alba Bollo (-48 kg), Lucía Soto (-52 kg) e Xeila Herrera (-52 kg) non conseguiron acceder á loita polas medallas. No caso de Xeila, a pesar de realizar unha boa competición, quedou ás portas das posicións de podio.

O domingo chegaría o turno dos infantís, cunha nova alegría para a AD Judo Ferrolterra. Alejandra Álvarez, judoca de Narón, asinou unha excelente actuación en +63 kg e fíxose coa medalla de ouro. Para chegar ao primeiro posto tivo que superar a Ana Dilla, de Madrid; Aitana Riaño, da Rioxa; e Rocío García, de Aragón. Na final, Alejandra derrotou á valenciana Alba Buzón para subir ao máis alto do podio.

Os seus compañeiros e irmáns José Luís e Lucía García tamén participaron na competición, aínda que non lograron acceder á loita polas medallas. Cómpre salientar especialmente o sétimo posto de Lucía García, nunha competición que supuxo, do mesmo xeito que para o seu irmán, a súa primeira participación nunha Copa de España.

Ao longo da fin de semana, os deportistas da AD Judo Ferrolterra estiveron acompañados polos seus adestradores Alberto Castro e Alberto López “Pitu”, que guiaron o equipo nunha cita que deixa moi boas sensacións de cara ao resto da tempada.

Foto: AD Judo Ferrolterra

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas