Fabián Domínguez Gesto, un palmarés que non deixa de medrar

Hai tiradores que compiten e outros que deixan pegada. En Dumbría, o nome de Fabián Domínguez Gesto xa forma parte desa historia escrita a base de precisión, paciencia e moitas horas diante do prato.

Esta tempada volveu demostrar que o seu pulso segue intacto. Fabián quedou este ano como dobre campión provincial, subcampión da Copa Galicia e campión galego, engadindo novas páxinas a un palmarés que xa impresiona con oito títulos de campión galego nas diferentes modalidades de tiro ao prato e cinco Copas Galicia, ademais de varias decenas de triunfos en campionatos privados e provinciais.
E se hai unha actuación que permanece gravada na memoria, esa é a do quinto posto na xeral da Copa de España de Foso Olímpico, disputada en Badajoz en 2013, un resultado que dá medida do nivel dun deportista acostumado a medirse cos mellores tiradores do panorama nacional.

O máis sorprendente é que este ano chegou á cima sen necesidade de acumular incontables horas de adestramento, declarando que a tempada foi “moi boa en canto a campionatos gañados e podios, pois foi dos anos que menos adestrei e competín”.

Pero un campión non se detén cando cae o último prato. Mentres outros celebran, el xa mira cara ao seguinte desafío. O obxectivo do dumbriés é “estar aí arriba como nos últimos anos e, se o traballo deixa, saír a algunha nacional e intentar un podio, que tan complicado é a ese nivel”.

Porque para Fabián, o futuro pasa por seguir competindo e mantendo o nivel dos últimos anos. Con novos retos por diante, o tirador dumbriés afronta a próxima tempada coa intención de seguir sumando bos resultados e, se as circunstancias o permiten, volver competir a nivel nacional e sumar máis títulos.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas