O Parrulo Ferrol derruba o invicto Jaén Paraíso Interior cun triunfo memorable

Os ferroláns asinaron unha primeira metade espectacular e souberon sufrir tras o descanso para tombar un dos colosos da liga por 5-2 nun partidazo en A Malata.

O Parrulo Ferrol protagonizou unha desas tardes que quedan na memoria da afección. O conxunto dirixido por Gerard Casas puxo fin á imbatibilidade do Jaén Paraíso Interior cunha vitoria por 5-2 no pavillón de A Malata, nun encontro no que os ferroláns combinaron un fútbol sala de moito nivel na primeira metade cun exercicio de resistencia e eficacia á contra na segunda. Os andaluces chegaban invictos, pero marcharon de Ferrol coa súa primeira derrota da tempada.

Gerard Casas apostou de inicio por Caio César, Jhoy, Rubén Orzáez, Diogo e Brayan, mentres que Dani Rodríguez saíu con Frezzatto, Joao Salla, Bynho, Michel e Mati Rosa. O partido comezou cun Parrulo intenso, decidido a discutirlles o dominio aos visitantes e a demostrar que A Malata ía ser unha pista complicada para calquera rival.

Os ferroláns entraron mellor no encontro, acumulando chegadas e obrigando Frezzatto a intervir. Malaguti e Orzáez buscaron a portería rival, e unha espectacular volea de Yan Matheus estivo a piques de atopar premio, de non ser pola gran resposta do gardameta visitante. Mentres tanto, David Novoa comezaba a ofrecer un auténtico recital. O xogador do club ferrolán encaraba unha e outra vez, cambiaba de ritmo e poñía en serios apuros ao seu marcador. O Jaén tamén tiña argumentos para facer dano, como demostrou Michel tras roubar un balón e encarar Caio César, aínda que o seu disparo marchou fóra.

Cando mellor asentado estaba O Parrulo, chegou o primeiro golpe visitante. Dani Zurdo desfíxose de Lucas Farias e puxo un pase ao segundo pau para que Mati Rosa rematase á pracer e adiantase o Jaén. Un castigo para os méritos que estaban a facer os locais, pero non un golpe capaz de frear o seu ímpeto. Coa quinta falta acumulada polo conxunto andaluz no minuto 15, O Parrulo atopou o camiño para darlle a volta ao marcador. No minuto 16, Brayan aproveitou un rexeitamento dentro da área para meter a perna e establecer o empate. A Malata tiña motivos para crer, e os seus xogadores non tardaron en confirmalo. Apenas un minuto despois, Yan Matheus recibiu dentro da área de costas á portería, xirouse con calidade e colocou o balón raso no fondo da rede. A remontada xa era unha realidade, pero aínda quedaba unha última xoia antes do descanso. O protagonista volveu ser David Novoa. Cun cambio de ritmo, rompeu a cintura do seu marcador e, case sen ángulo, pegado á banda, soltou un trallazo que se coou pola mesma escuadra. Un auténtico golazo para levantar A Malata e poñer o 3-1 no marcador.

O Parrulo marchaba aos vestiarios cunha vantaxe merecida. Os ferroláns estaban mellor colocados, dominaban o xogo e xeraban máis ocasións, aínda que o Jaén seguía a ser un rival perigoso cada vez que atopaba espazos para saír á contra.

O guión cambiou tras o descanso. O Jaén saíu con máis forza, consciente de que necesitaba un gol temperán para meterse de cheo no partido. O Parrulo, pola súa banda, tivo que asumir un papel máis defensivo, mantendo a intensidade atrás e buscando sentenciar con transicións rápidas. Diogo dispuxo dunha boa oportunidade nunha contra, pero o seu disparo estrelouse no lateral da rede. No outro lado da pista, Caio César comezou a converterse nun muro. O gardameta brasileiro respondeu con grandes intervencións ante Brandi, primeiro cunha boa man e despois co pé, antes de volver negarlle o gol nunha nova acción resolta a puro reflexo. O Jaén insistía, pero atopaba unha e outra vez a resposta do porteiro local. O Parrulo tamén tiña as súas opcións. Rikelme recibiu de costas tras un bo pase filtrado por Brayan, pero non conseguiu superar Frezzatto. Máis adiante, Lucas Farias tampouco puido culminar unha contra, mentres Novoa volvía probar fortuna cun disparo cruzado que marchou fóra por pouco.

Co partido cada vez máis aberto e as faltas acumulándose, os dous equipos entraron nun tramo decisivo. O Parrulo chegou ás cinco faltas cando aínda quedaban doce minutos, e o Jaén alcanzou a mesma cifra tres minutos despois. Cada acción podía resultar determinante. A seis minutos do final, Dani Rodríguez apostou polo porteiro-xogador con Michel, lanzando o Jaén á procura dunha remontada que parecía complicada, pero non imposible. O conxunto andaluz aumentou a presión e obrigou os ferroláns a redobrar esforzos para protexer a súa vantaxe.

O momento clave chegou a dous minutos e medio do final. David Novoa colleu o balón e protagonizou unha galopada espectacular na que deixou atrás tres rivais antes de ser derrubado. A acción rematou cun dobre penalti para O Parrulo e coa expulsión de Power tras a revisión do VIR. Diogo encargouse do lanzamento, pero Frezzatto conseguiu rozar o balón, que acabou estrelándose no pau. Unha oportunidade de ouro para ampliar a vantaxe que quedou sen premio. Na seguinte xogada, o Jaén solicitou a revisión do VIR por unha falta e os colexiados sinalaron dobre penalti a favor dos visitantes. Joao Salla non fallou, a pesar de que Caio César chegou a tocar o balón, e puxo o 3-2 no marcador. O encontro entraba nos seus últimos minutos cunha tensión máxima e todo aínda por decidir.

Pero O Parrulo tiña preparada outra resposta. A dous minutos do final, Novoa volveu sacar a súa maxia, deixou atrás o seu marcador e conectou con Quelle, que lle entregou o balón a Lucas Farias para que este anotase o cuarto gol ferrolán. Un golpe decisivo que devolvía tranquilidade aos locais e premiaba o traballo colectivo dun equipo que nunca deixou de buscar a portería contraria. E aínda houbo tempo para máis. Cando o partido estaba a piques de rematar, Caio César volveu aparecer cunha intervención de mérito e sacou rapidamente para activar a contra ferrolá. Quelle culminou a xogada co quinto tanto, poñendo o definitivo 5-3 e facendo estalar a alegría nas bancadas de A Malata.

O Parrulo asinou unha vitoria de enorme valor ante un dos equipos máis potentes da competición. A primeira metade foi unha demostración de personalidade, dominio e pegada; a segunda, unha proba de resistencia, solidariedade defensiva e eficacia nos momentos decisivos. David Novoa foi un dos grandes protagonistas pola súa capacidade para desbordar, xerar perigo e desequilibrar o encontro, mentres que Caio César resultou fundamental para conter o empuxe visitante e manter os ferroláns por diante cando máis apertaba o Jaén.

O triunfo pon fin á imbatibilidade dos andaluces e confirma a capacidade de O Parrulo para competir de ti a ti contra calquera rival. Agora, os ferroláns disporán de dous fins de semana para descansar: a próxima xornada xa a disputaron fronte ao Barça e, na seguinte, a competición deterase polo parón de seleccións. A Malata despediu así unha tarde redonda, cun equipo que soubo dominar, sufrir e sentenciar. O Jaén chegou invicto, pero O Parrulo encargouse de demostrar que, en Ferrol, ninguén pode dar nada por feito.

O PARRULO: Caio César, Jhoy, Rubén Orzáez, Diogo e Brayan; tamén xogaron Novoa, Lucas Farias, Rikelme, Malaguti, Quelle, Yan Matheus e Turbi.

JAÉN PARAÍSO INTERIOR: Frezzatto, Joao Salla, Bynho, Michel e Mati Rosa; tamén xogaron Power, Esteban, Dani Zurdo, Nando, Boyis, Eloy Rojas, Alan Brandi e Lemine.

GOLES: 0-1 Mati Rosa (14′), 1-1 Brayan (16′), 2-1 Yan Matheus (17′), 3-1 David Novoa (20′), 3-2 Joao Salla (38′ de dobre penalti), 4-2 Lucas Farias (39′) e 5-2 Quelle (40′).

ÁRBITROS: Alejandro Martínez, Antonio Liza, Adrián Figueroa (árbitro 3) e Eva López (cronometradora). Amoestaron aos locais Brayan, Rikelme, Malaguti, Gerard Casas (adestrador), Pol Cuairán (segundo adestrador) e Ángel Padín (staff), e aos visitantes Boyis, Alan Brandi e Jesús Manuel Chanivet (staff), e expulsaron a Power con vermella directa.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada da Liga Prime Futsal disputada no Pavillón da Malata.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas