As ferrolás dominaron boa parte do encontro, sufriron un apagamento de máis de seis minutos no último cuarto e atoparon finalmente o bo camiño para pechar o triunfo na Malata por 76-71.
O Baxi Ferrol volveu sorrir no pavillón da Malata. O conxunto dirixido por Lino López impúxose por 76-71 ao Inversus Gernika Bizkaia na quinta xornada da Liga Feminina Endesa, nun encontro vibrante, con alternativas no marcador, momentos de gran baloncesto e un desenlace non apto para cardíacos. As ferrolás chegaron a gozar dunha cómoda vantaxe no terceiro cuarto, pero tiveron que resistir ata o último suspiro ante a reacción dun conxunto vasco que nunca deu o partido por perdido.
Ambos os equipos afrontaban a cita cun balance idéntico de dúas vitorias e dúas derrotas, polo que o choque se presentaba como unha boa oportunidade para dar un paso adiante neste comezo de competición. Lino López apostou de inicio por Karolina Sotolova, Sydney Shaw, Iva Belosevic, Claire Melia e Maggie Doogan, mentres que Francisco García dispuxo un quinteto formado por Eleni Bosgana, Ane Olaeta, Ángela Salvadores, Aaronette Vonleh e Seehia Ridard.
O encontro arrincou cun ritmo frenético. Os dous equipos imprimiron velocidade ás súas transicións, moveron o balón con criterio e demostraron que tiñan recursos tanto para facer dano preto do aro como para castigar desde a liña de tres puntos. Apenas había tempo para acomodarse no asento cando a acción xa se trasladara ao outro lado da pista. O Gernika levou a iniciativa durante boa parte do primeiro período, con Ridard, Vonleh e Mc Spadden impoñendo o seu físico na pintura. O Baxi, pola súa banda, atopou en Priede unha das súas xogadoras máis destacadas, cunha actuación moi completa que combinou intensidade defensiva, boas decisións e acerto ofensivo. As visitantes parecían ter controlada a situación, pero as ferrolás reservaron a súa mellor versión para os últimos instantes. Un parcial de 5-0 permitiulles igualar o encontro e culminar unha reacción que ergueu o público da Malata. Unha perda do Gernika propiciou unha canastra de Melia que adiantou as súas, aínda que Mc Spadden, sobre a bucina, devolveu a igualdade ao marcador co 23-23.
A nota negativa chegou para o Baxi aos cinco minutos de partido. Iva Belosevic tivo que abandonar a pista tras sufrir unha lesión no xeonllo dereito. A xogadora esvarou ao realizar un xiro dentro da zona e levou inmediatamente as mans ao xeonllo, nunha acción que fixo saltar as alarmas no banco ferrolán.
O segundo cuarto comezou cunha cara ben distinta para as locais. O equipo de Lino López elevou a súa intensidade e atopou rapidamente o camiño cara ao aro, asinando un parcial inicial de 7-0 que lle permitiu abrir unha pequena fenda no marcador. Galickova inaugurou o período cun triplo, Esther engadiu unha canastra de dous puntos e Doogan ampliou a vantaxe desde a liña de tiros libres. O Baxi conseguira cambiar a dinámica do encontro e comezaba a sentirse cada vez máis cómodo sobre a pista. O Gernika intentou frear o avance local apoiándose en Vonleh, Bosgana e, especialmente, Ángela Salvadores. A xogadora visitante asumiu boa parte da responsabilidade ofensiva do seu equipo durante este treito, tratando de evitar que as ferrolás escapasen definitivamente no electrónico. Pero, o conxunto de Lino López soubo administrar a súa vantaxe e marchou aos vestiarios cun esperanzador 44-37. Sete puntos de diferenza que reflectían o crecemento do Baxi e a súa capacidade para aproveitar os momentos favorables do partido.
Tras o descanso, o encontro mantivo inicialmente o pulso. Vonleh volveu facerse forte baixo o aro para abrir o marcador, pero Galickova respondeu desde o perímetro cun triplo que devolveu o pulo ás locais. A partir de aí, o Baxi deu un paso adiante e comezou a construír un dos seus mellores momentos da tarde. A circulación do balón, o acerto exterior e a intensidade defensiva combináronse para desarborar o conxunto vasco, incapaz de atopar respostas ante o empuxe ferrolán. O triplo de Claire Melia abriu un espectacular parcial de 12-0. Doogan sumou tras unha fermosa combinación con Shaw, mentres que Esther Castedo e Galickova contribuíron a ampliar a diferenza. A base galega tamén atopou o seu momento desde a liña de tres, culminando unha fase de xogo na que as ferrolás parecían ter o encontro baixo control. O Gernika tratou de reaccionar cun parcial de 0-4, pero o dano xa estaba feito. O Baxi pechou o terceiro cuarto cun 59-45 que lle outorgaba unha renda de catorce puntos e debuxaba un escenario moi favorable para afrontar os últimos dez minutos. A Malata comezaba a crer nunha vitoria relativamente tranquila. Pero aínda quedaba moito por sufrir.
O último cuarto comezou da peor maneira posible para os intereses locais. O Baxi baixou as revolucións e perdeu intensidade, mentres que o Gernika, lonxe de renderse, atopou motivos para crer na remontada. Esther Matarranz, Ane Olaeta e Samantha Galanopoulos puxeron en marcha a reacción visitante cun parcial de 0-6 que obrigou a Lino López a pedir tempo morto. O técnico ferrolán tratou de frear a dinámica e reclamou máis concentración ás súas xogadoras, conscientes de que o partido comezaba a complicarse perigosamente. Pero o parón non deu o resultado esperado. Mc Spadden e Brown seguiron castigando o conxunto local e ampliaron o parcial ata o 0-12. O Baxi acumulaba máis de seis minutos sen anotar e vía como a súa cómoda vantaxe se esvaecía ata deixar o encontro completamente aberto. Un tiro libre de Galanopoulos e unha canastra de Vonleh culminaron a remontada. O Gernika púxose por diante cun parcial de 0-15 que transformou por completo o partido. Dos catorce puntos de vantaxe ao final do terceiro cuarto, pasouse a unha situación límite, coas visitantes dominando o marcador e as ferrolás buscando desesperadamente unha reacción.
Cando máis o necesitaba o equipo, apareceu Maggie Doogan. A estadounidense rompeu a seca cun triplo que devolveu a esperanza ás bancadas e permitiu ao Baxi recuperar parte da confianza perdida. A resposta de Sydney Shaw foi aínda máis contundente. Outro lanzamento de tres puntos da estadounidense volveu colocar as ferrolás cinco puntos por diante cando restaban dous minutos e medio para o final. A Malata recuperou a voz e o encontro entrou nunha fase de intercambio constante de golpes. Salvadores anotou un tiro libre e, tras capturar o rebote, Vonleh volveu sumar para manter o Gernika na loita. Pero Shaw respondeu de novo, desatando a euforia dun público que intuía que o desenlace se decidiría por pequenos detalles.
O último minuto foi un exercicio de resistencia e sangue frío. Brown anotou, Galickova contestou de inmediato e a propia Brown volveu achegar as visitantes. Entón apareceu Claire Melia para asumir o protagonismo definitivo. A irlandesa cravou un triplo de enorme valor que devolveu ao Baxi unha vantaxe de cinco puntos. E aínda tivo tempo para protagonizar unha última acción decisiva: no seguinte ataque do Gernika, capturou un rebote e recibiu unha falta. Desde a liña de tiros libres, Melia non tremeu e converteu os dous lanzamentos, ampliando definitivamente a diferenza a favor das ferrolás. Brown logrou unha última canastra, pero o tempo esgotouse antes de que o Gernika puidese completar unha remontada que rozara coa punta dos dedos.
O marcador final, 76-71, confirmou a terceira vitoria do Baxi Ferrol na Liga Feminina Endesa. Un triunfo traballado, sufrido e de enorme valor para un equipo que tivo que sobrepoñerse tanto á lesión de Belosevic como a un último cuarto no que estivo a piques de deixar escapar todo o traballo realizado anteriormente. O conxunto de Lino López demostrou durante moitos minutos a súa capacidade para impor o ritmo, atopar vantaxes en ataque e castigar desde o perímetro. Pero, a desconexión do último período evidenciou que aínda hai aspectos que axustar para evitar sufrimentos innecesarios. Nos momentos decisivos, a calidade individual e a fortaleza mental acabaron marcando a diferenza. Sydney Shaw e Maggie Doogan achegaron puntos fundamentais para frear a remontada, mentres que Claire Melia se converteu na protagonista do desenlace cun triplo determinante, un rebote clave e dous tiros libres que valeron ouro. O Gernika, pola súa banda, marchou sen premio a pesar de protagonizar unha reacción extraordinaria e demostrar que nunca deixou de crer nas súas posibilidades.
A Malata acabou celebrando unha vitoria que parecía encamiñada, complicouse de maneira inesperada e terminou resolvéndose a base de carácter. O Baxi suma así o seu terceiro triunfo da tempada e confirma que, mesmo cando as cousas se poñen costa arriba, ten argumentos para competir ata o último segundo.
BAXI FERROL: Karolina Sotolova (3), Sydney Shaw (8), Iva Belosevic (0), Claire Melia (17) e Maggie Doogan (21); Esther Castedo (12), Katerina Galickova (7), Gala Mestres (0), Nikola Priede (6), Tayra Eke (2) Sandra Martínez (0).
INVERSUS GERNIKA BIZKAIA: Eleni Bosgana (4), Ane Olaeta (5), Ángela Salvadores (10), Aaronette Vonleh (18) e Seehia Ridard (5); Esther Matarranz (2), Samantha Galanopoulos (7), Lara Mc Spadden (10) e Joy Brown (10).
CUARTOS: 23-23; 44-37 (21-14); 59-45 (15-8); 76-71 (17-26).
ÁRBITROS: Rodrigo Palanca Page, José Carlos Sierra Carrillo e Cristian José García Rodríguez. Sinalaron 20 faltas a favor do Baxi e 14 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á quinta xornada da Liga Feminina Endesa disputada no Pavillón da Malata ante 1372 afeccionados.
Foto: sadmoody241



