Carmen Rodríguez Grande (Narón, 2003) coñece o fútbol sala desde ambas as beiras da pista. Primeiro como xogadora de clubes como A Fervenza e Valdetires, e despois, como árbitra que avanza con paso firme nunha carreira esixente nas categorías de Preferente, Terceira Nacional e na Segunda División Feminina.
O seu traballo e potencial abríronlle as portas do Programa de Talentos de Árbitras de Futsal da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), celebrado na Cidade do Fútbol das Rozas. Detrás do asubío hai experiencia, compromiso e ambición por seguir medrando. Unha paixón que tamén se vive na casa, xa que Carmen é a irmá maior de Julia e Inés, que, coma ela, atoparon no fútbol sala o seu lugar na pista.
Como naceu o teu interese polo fútbol sala?
Diría que naceu sen querer. Dende pequenas, as miñas irmás e máis eu dedicabámonos a pasar as tardes na praza do barrio xogando “pachangas”, entre moitos outros xogos. Sempre foi o pasatempo favorito de Julia, que acabou por converterse no de todos na casa. Para ternos ocupadas, os nosos pais decidiron apuntarnos a algunha actividade extraescolar coa única condición de que as tres tiñamos que ir á mesma. E así foi. Anos máis tarde, segue formando parte do noso estilo de vida, é un tema recorrente na mesa á hora de xantar e tamén nos nosos fins de semana.
Cando te formulaches dar o paso de xogar a arbitrar?
Durante algúns anos tratei de compaxinar o feito de xogar co de comezar a arbitrar categorías de base, formarme e adquirir experiencia ao outro lado da historia. Din que “quen moito abarca, pouco aperta”, e así o sentín. Chegou un punto no que ambas as realidades non podían convivir, por cuestións de tempo e intereses. Na arbitraxe atopei unha meta maior, máis realista e ambiciosa ao mesmo tempo; supoño que aí radica ese interese. As dúas vertentes ensínanche e axúdanche a medrar persoalmente, pero sentirme parte desta disciplina sen deixar de progresar nin de realizarme como persoa fixo que orientase o meu rumbo cara á arbitraxe.
Como xestionas a presión cando tes que tomar unha decisión importante en cuestión de segundos?
Boa pregunta. A día de hoxe sigo traballando para xestionala cun enfoque máis positivo, tanto para min como para o xogo, antes e despois de tomar unha decisión. Supón un traballo constante a nivel persoal e hai que saber administrar esa carga mental que pode implicar, especialmente polas súas consecuencias.
Coñecer as regras non te exime do compoñente interpretativo. Axúdache e respáldate, si, pero sempre hai lugar tanto para o acerto como para o erro. Por desgraza, aos ollos de todo o mundo e mesmo baixo a nosa propia autoesixencia, destacamos máis polos erros. Polo tanto, non hai unha resposta correcta: hai que entender que ese mesmo erro forma parte disto. Aquí erramos todos. O importante é aprender del e enfocarlo sempre cara a unha nova oportunidade. Hai que evitar recorrer a algo que non debería condicionar o que está por vir e sacar proveito da experiencia para volver intentalo.
Normalizouse demasiado protestar os árbitros no deporte?
Sempre estivo normalizado, especialmente no fútbol. Por desgraza, non coñecín un fútbol sala sen protestas, coma se unha cousa tivese que ir da man da outra. Minto: a época posterior á COVID supuxo, ironicamente, un discreto espellismo nese sentido.
É moi triste ter que convivir con isto coma se o contexto deportivo dese validez a comportamentos inapropiados, palabras malsonantes, insultos, ameazas, bromas de mal gusto, increpacións, etc. Onde está a empatía? Parece que deixamos de ser iguais cando soa o sinal de inicio. Hai que saber poñer límites e todos deberiamos ser máis firmes e contundentes ao respecto.
Cal dirías que foi o momento máis especial que viviches como árbitra?
Sen dúbida, ata a data, o play-off de ascenso a Terceira División que arbitrei a pasada tempada entre o Poio e o Pecheches. Sentino como unha recompensa e desfruteino coma ninguén. Sinto que evolucionei a nivel persoal e confío en que siga sendo así no futuro. Porén, a euforia dos equipos, as bancadas cheas de xente animando, a competitividade sa que se viviu alí e a sincronización e as ganas compartidas co resto dos meus compañeiros fixeron que aquel día fose único.
Que descubriches de ti mesma grazas á arbitraxe?
Enorgulléceme ser árbitra e, en boa medida, quen son agora é grazas a iso. A arbitraxe acabou de forxar a miña determinación e o meu compromiso, e axudoume a ser máis paciente e consecuente. En definitiva, faiche máis resiliente, diso estou segura.
Foto: sadmoody241



