A xogadora Irene Pol Pérez (Ferrol, 2005) afronta a súa segunda tempada no Neda, onde destaca polo seu potente disparo, a calidade técnica e o carácter competitivo.
Formada no fútbol sala de A Fervenza, tamén pasou por O Val e o Estrella. Comezou como mediocentro, evolucionou cara á mediapunta e hoxe ofrece alternativas tanto no extremo como na dianteira.
Como ves o Neda nesta segunda tempada?
Vexo o equipo moi ben, moi unido e mellorando día a día, que ao final é o máis importante nun vestiario. Desde o primeiro día conseguimos formar un grupo incrible, no que todas sentimos que sumamos e que, se queremos conseguir cousas chulas, temos que achegar o noso gran de area. Creo que esa unión tamén se nota dentro do campo e é algo que nos axuda a seguir medrando como equipo. Temos moitas ganas de seguir traballando, mellorando e desfrutando xuntas da tempada, porque creo que temos un grupo con moito potencial e moitas cousas bonitas por diante.
Cada tempada melloras os teus rexistros. Cal é o segredo desta evolución?
Sendo sincera, non me fixo demasiado nos números. Son consciente de que vou mellorando, pero non é algo que me obsesione. Creo que todo é cuestión de confianza, de ir véndome cada vez mellor, sentirme máis cómoda dentro do campo e seguir traballando para acadar o meu mellor nivel. Ao final, cando desfrutas do que fas, as cousas van saíndo pouco a pouco. Tamén creo que é importante ser constante, aprender de cada partido e saber que sempre hai cousas que mellorar. Intento centrarme en axudar o equipo en todo o que poida e, se ademais iso se traduce en mellores rexistros, moito mellor.
Que che parece o nivel da competición?
É algo que me impacta e, ao mesmo tempo, alégrame moito ver como medrou o fútbol feminino na nosa zona. Cada vez hai máis nivel, máis competitividade e máis ganas de seguir avanzando, e creo que iso é moi positivo para todas. Ao final, que a competición medre tamén fai que os equipos e as xogadoras teñamos que esixirnos máis e seguir mellorando. Oxalá siga sendo así durante moitos anos, que cada vez máis nenas se animen a xogar ao fútbol e que este deporte siga tendo o recoñecemento que merece.
Fotos: sadmoody241



