Sara Sánchez García (San Fernando, 2003), coñecida deportivamente como Sarita, cumpre a súa segunda tempada co Narón e segue disposta a deixar pegada co seu talento.
Conta cunha gran traxectoria que comezou coa súa formación no San Fernando, onde alcanzou o primeiro equipo, ata as súas aventuras no San Marcos, Bazán, Cádiz, Almería e Parquesol, xogando en divisións como a Primeira Nacional, Segunda ou Terceira Federación. Forte, veloz e habilidosa, cun disparo demoledor e un remate letal, Sarita é puro perigo, unha guerreira nata sempre á caza da gloria.
Que te levou a fichar polo Narón?
O fútbol sempre foi unha paixón para min. Estiven un par de anos sen xogar por motivos laborais e apetecíame volver, porque, ao final, é algo que me fai feliz, que me apaixona e que me axuda a desconectar de todo. Así que, cando tiven a oportunidade de volver con este club, non o pensei demasiado.
Que é o que máis che gusta do fútbol galego?
Gústame moito o ambiente que hai no fútbol galego e a paixón coa que se vive. Hai moita competitividade e iso fai que sexa bonito xogar aquí.
Que momento da túa carreira lembras con máis agarimo?
A miña etapa en Almería, sen dúbida. Foi a primeira vez que saín da casa, fixemos un grupo incrible e gocei moitísimo do fútbol. Ademais, conseguimos o ascenso, así que foi un ano moi especial que lembro con moitísimo agarimo.
Fotos: sadmoody241



