O xogador pecha unha etapa na súa vida ao máis alto nivel.
“Non esteas triste porque terminou, sorrí porque sucedeu”. Esta soada frase de Gabriel García Márquez resume o sentimento de todo O Parrulo Ferrol este xoves, no momento elixido polo capitán Adri para anunciar a súa retirada do fútbol sala profesional, nunha rolda de prensa celebrada na mesma pista do Pavillón da Malata, acompañado polo presidente Julio Martínez e o secretario José Naveira.
Esta cita, ademais de contar con gran asistencia dos medios de comunicación, estiveron presentes moitos dos seus compañeiros e ex compañeiros, corpo técnico do primeiro equipo e da Escola de O Parrulo, como tamén familiares e amigos de Adri, ademais de afeccionados e afeccionadas do club.
Este é un día “triste para min e para todos os afeccionados a este deporte, como para nosa afección”, afirmaba o presidente Julio Martínez. Leste era un día que “non me gustaría que chegase nunca” ao anunciar a súa retirada “o xogador máis carismático que saíu das nosas filas durante os 45 anos que levamos de existencia.”
Lembraba que na súa primeira etapa no club “saíu de aquí sendo un neno” dirección ao Azkar Lugo e volveu doce anos despois, previo paso por Elpozo Murcia e o Sport Club KPRF ruso “coa experiencia e veu a darnos moitas alegrías aos nosos afeccionados.”
Os valores deportivos e persoais de Adri “son mellores para os que os coñecemos”. As lesións provocaron que “se retire con máis présa do que nos gustaría” e aínda que quedaba un ano máis de contrato “pero sabía que non estaba ao cento por cento das súas capacidades físicas, coas lesións que leva sufrindo nestas últimas tempadas e co agarimo que lle ten ao club prefire deixar en branco esta próxima tempada e colgar as botas”, o que demostra “o seu compromiso co club ao dar un paso atrás”.
Julio Martínez xa anticipaba que Adri non se ía a desligar de O Parrulo Ferrol “xa que vai estar vinculado ao club dunha maneira ou outra, vai apoiar e a axudar no que sexa posible”, polo que quería desexarlle a Adri “o mellor no seu futuro persoal”, aínda que xa anticipaba que Adri seguiría nas pistas durante un tempo “xa que o máis seguro que participe en torneos, maratóns ou pachangas.”
O presidente recoñecía que no futuro “haberá máis homenaxes de Adri, dos que informaremos no seu momento” e sumábase a unha posible retirada do dorsal 10 de O Parrulo Ferrol “que llo merece.”
Adri: “Había que ser honrado, levantar a man e dicir ata aquí”
O capitán de O Parrulo Ferrol, Adri, empezaba dando as grazas a todas as persoas que acudían a este evento, recoñecendo que era “un día moi duro para min e pensei que ía ser moito máis fácil todo isto”, pero chegado o momento “chegan mil recordos á cabeza e é complicado.”
A decisión de poñer fin á súa traxectoria no fútbol sala profesional “foi dura, pero creo que é a correcta”, afirmando que nestes últimos meses da tempada “non puiden dar o cento por cento en ningún aspecto e é algo que non concibo no fútbol sala profesional”, unha circunstancia que “o club e a miña familia sabían”, ademais de estar “a cobrar un contrato que non merecería.”
A principal causa da súa retirada do fútbol sala profesional está no estado do seu nocello “e é o que máis me deu a lata nesta tempada, aínda que estaba a xogar con certas limitacións”, como tamén a nivel mental “está a custarme moito, non estiven ben, leveime moitos problemas á miña casa despois de cada sesión porque non podo dar o meu máximo”, polo que “había que ser honrado, levantar a man e dicir ata aquí. O club meréceo, a afección meréceo e a miña familia é quen máis o merece.”
Na rescisión desta última tempada que quedaba no contrato, Adri quería dar a coñecer que hai unha cláusula “que pon que Adrián Martínez Vara non vai volver a xogar en Primeira ou Segunda División, algo que pedín eu e non o esixiu o club, que me dicían que non facía falta, para que non haxa malos entendidos e que quede claro.”
A decisión sobre a súa retirada do fútbol sala profesional tivo lugar “ao final da tempada”, porque tras volver ás pistas tras a súa última lesión “quería ver como estaba e como ía evolucionando” e unha vez acabaron os partidos “creo que isto é o máis honrado.”
Adri recoñecía que de momento non ía colgar as botas “seguirei xogando, pero non sei a que nivel, nin como, nin a que deporte, pero si quero quitarme a espiral de adestrar, competir e coidarme”.
En relación a O Parrulo Ferrol, o club “seguirá sendo sempre a miña casa” e “seguirei reuníndome con estas dúas persoas que ben me trataron – en referencia a Julio Martínez e José Naveira – e axudarei en todo o que poida.”
No apartado de agradecementos, Adri non quería esquecerse de todos os seus compañeiros durante a súa traxectoria profesional, a todos os corpos técnicos, xuntas directivas, afeccións rivais e as que tiven, en especial á de Ferrol “que é a mellor do mundo, é a da miña cidade e vounos a botar moito de menos”, como tamén o xogar “cada quince días diante deles no Pavillón da Malata.”
En especial Adri quería agradecer o apoio aos seus compañeiros nesta última tempada, moitos deles presentes neste evento “por axudarme tanto e que foi moi dura”, como tamén á súa familia e amigos “que hoxe están aquí, grazas por estar sempre, sobre todo nos malos momentos.”
Sobre o seu posible futuro como adestrador, Adri xa quería despexar todas as dúbidas respecto diso, facendo súas unhas palabras do seu compañeiro Rubén Orzáez “que sempre di que se eu son o adestrador ao segundo día non hai xogadores na pista”, ao mesmo tempo que afirmaba que tampouco tiñas titulacións esixidas para ser adestrador “e decidín non sacalos para non caer na tentación”.
Nesta nova etapa que empeza na súa vida, Adri recoñecía que quería seguir “ligado ao club e ao deporte nun futuro, como botar unha man”, pero non vai ser inmediato xa que quería seguir xogando “en categorías menos esixentes, que non teña que estar a adestrar todos os días ou viaxando e poder dar prioridade á miña familia.”
Adri era preguntado polos seus mellores recordos. No que se refire a O Parrulo Ferrol “o meu partido de regreso ante Jaén Paraíso Interior en Primeira División, no que se foi a luz e foi a primeira vitoria desta etapa na máxima categoría, cunha estampa moi bonita co pavillón cheo” e no resto da súa carreira quedaba co seu debut coa selección española “e a participación nun Mundial”, como foi o de Lituania en 2021.
Info: O Parrulo