Daniel Remuiñán e Álvaro Cerqueiras completaron unha sólida actuación no Rallye San Froilán, rematando na quinta posición da clasificación xeral.
A parella formada polo piloto de A Laracha, Daniel Remuiñán, e o seu copiloto, Álvaro Cerqueiras, completou con éxito unha nova proba do Campionato Galego de Ralis ao volante do Skoda Fabia R5 Evo. Ao longo de toda a competición, o equipo amosou un ritmo constante que lle permitiu manterse con firmeza nos postos de cabeza.
Con este resultado na cita lucense, a estrutura consolida a súa progresión no certame autonómico, especialmente nos treitos que eran novos para todos os participantes. O rendemento amosado nos treitos confirma a rápida adaptación da parella Remuiñán-Cerqueiras ao asfalto co Skoda Fabia R5 Evo, así como o bo traballo realizado por todo o equipo de asistencia.
«Marchamos moi satisfeitos con esta quinta posición no Rallye San Froilán. Foi unha carreira esixente e, desde os primeiros treitos, atopamos a confianza necesaria para rodar a un ritmo alto e seguro», destaca Daniel Remuiñán. «O Skoda Fabia R5 Evo funcionou á perfección e a asistencia realizou un traballo impecable. Este resultado demostra que o esforzo do equipo dá os seus froitos e motívanos para seguir mellorando nas vindeiras probas».
Info e foto: Daniel Remuiñán



