Ao equipo carballés xa só lle queda a disputa da fase final absoluta antes de afrontar os campionatos autonómicos.
Ao equipo carballés xa só lle queda a disputa da fase final absoluta antes de afrontar os campionatos autonómicos.
Os deportistas infantís, cadetes, xuvenís e absolutos do Club Sysca desprazáronse esta fin de semana ata a praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa, para disputar a terceira xornada da liga galega das súas respectivas categorías. Durante os dous días de competición os carballeses contaron con arredor de 60 participantes, que aproveitaron esta última cita ligueira para continuar collendo ritmo de cara aos vindeiros campionatos autonómicos e nacionais.
Os primeiros en competir, o sábado pola mañá, foron os cadetes e xuvenís. No que respecta á categoría cadete, máis alá da décima praza acadada por Laura Rodríguez na proba de carreira con táboa, os resultados máis destacados producíronse nas probas por equipos. No relevo de táboa, o equipo masculino rematou na terceira posición, mentres que o feminino concluíu en sexto lugar. Ademais, no relevo tríade mixto os carballeses finalizaron cuartos.
En canto aos xuvenís, na única proba individual disputada, o ocean, Mateo Castelo fíxose coa primeira posición, mentres que Lluc Pensado e Mateo Cerviño foron cuarto e oitavo, respectivamente. Pola súa banda, na categoría feminina, Noa Rodríguez rematou na sexta posición e Marta Eirís foi sétima. No referente ás probas colectivas, o cuarteto masculino impúxose no relevo ocean e o feminino ocupou a terceira praza, ao que hai que engadir un segundo posto no relevo ocean mixto.
Xa en horario de tarde foi a quenda dos infantís. Dous dos nomes máis destacados foron os de Jaime Buño, primeiro en nadar surf e terceiro en carreira con táboa, e Belén Puñal, terceira en nadar surf e cuarta en carreira con táboa. Tamén realizou unha boa actuación Nicolás Cerviño, que finalizou quinto en ambas as dúas probas. Pola súa parte, Alfredo Sánchez foi sétimo en carreira con táboa, mentres que Ada Quintela rematou novena en nadar surf. Ademais, o equipo carballés concluíu o relevo tríade mixto na segunda posición. Así mesmo, no relevo de táboa os rapaces foron terceiros e as rapazas, cuartas.
Os encargados de pechar a xornada o domingo pola mañá foron os deportistas absolutos. No ocean masculino, Brais Pensado rematou a proba na segunda posición. Ademais, outros catro deportistas ocuparon algunha das dez primeiras prazas: Hugo Martínez (5º), Anxo López (6º), Mateo Castelo (8º) e Lluc Pensado (9º). Na categoría feminina, as máis destacadas foron Sara Puñal, que ocupou a terceira praza, e Andrea Eirís, que finalizou sétima. Por equipos, o conxunto masculino venceu no relevo de ocean e rematou segundo no de táboa, mentres que o feminino foi terceiro no de ocean e cuarto no de táboa. Tamén se disputou o relevo de ocean mixto, cos carballeses rematando en segunda posición.
Antes do comezo dos campionatos galegos, para o Club Sysca xa só queda a disputa da fase final da liga galega absoluta. Será este sábado 13 de xuño, na praia de Silgar, en Sanxenxo. Nesta competición, que se celebrará en horario de mañá e tarde, disputaranse todas as probas de praia, tanto individuais como colectivas.
Foto: Sysca Salvamento




