Ata uns 980 nenos e nenas de 11 centros de ensino participaron no Cros Escolar de Carballo celebrado na zona verde do Polígono Industrial de Bértoa.
O deporte carballés viviu o pasado xoves unha das súas grandes citas do ano coa celebración do Cros Escolar, unha proba que reuniu preto dun milleiro de escolares nunha xornada marcada pola participación e o espírito deportivo. En total, 980 rapaces e rapazas tomaron parte nesta competición organizada polo Concello de Carballo en colaboración coa Xunta de Galicia.
A carreira, correspondente á fase zonal de Bergantiños, desenvolveuse nun circuíto acondicionado na zona verde do polígono industrial de Bértoa, que acolleu alumnado procedente de Carballo, Coristanco, A Laracha e Malpica. Participaron estudantes de once centros educativos: o CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Bergantiños, CEIP Bormoio-Agualada, CEIP Caión, CEIP Fogar, CEIP Milladoiro, CEIP Plurilingüe A Cristina, CEIP Plurilingüe Gándara-Sofán, CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo, CEIP Ramón Otero Pedrayo e o CPR Artai.
No apartado individual, Dalia Cotelo (Bergantiños) e Hugo Barca (Bergantiños) impuxéronse na categoría benxamín feminina e masculina, respectivamente. En alevín, os triunfos foron para Carmen Domínguez (Ramón Otero) e Martín Martelo (Milladoiro). Na categoría infantil venceron Antía Castro (Milladoiro) e Telmo Tasende (Artai), mentres que en cadete o dominio foi claro do Artai, con vitorias para Elena Vázquez e Martín Barreiro.
Por equipos, A Cristina proclamouse campión en benxamín feminino e masculino; Ramón Otero destacou en alevín feminino e infantil feminino; Bergantiños logrou o primeiro posto en alevín masculino; e Artai asinou unha actuación sobresaliente nas categorías cadete feminina e masculina.
Máis alá das clasificacións, a xornada volveu poñer en valor o deporte escolar como espazo de convivencia, esforzo e formación en valores.
Foto: fotoschimpi




