COPA DO REI: Bergantiños vs Tudelano

O Bergantiños FC xogará fronte o CD Tudelano a primeira eliminatoria da Copa do Rei.

O Bergantiños FC xogará fronte o CD Tudelano, de Tudela (Navarra), a primeira eliminatoria da Copa do Rei, despois do sorteo efectuado na sede da Real Federación Española de Fútbol. O conxunto navarro, que está último na Primeira RFEF, é un rival alcanzable para a formación carballesa.

O equipo rival, que está nunha localidade con 35.000 habitantes e foi a capital do Reino de Navarra, está a realizar unha mala tempada, iso xa levou ao cambio de adestrador no pasado mes de outubro. Así, Javier Olaizola deixou o seu posto ao madrileño Carlos Pérez Salvachúa, de 48 anos, e cun longo historial, xa que estivo no UB Conquense, na base do Real Madrid C. F., na base do Villarreal CF como scouting, CD Guadalajara, Villarreal CF “ C”, Real Valladolid C. F. S.A.D “ B” ou Las Rozas CF. Tamén estivo fóra de España nos conxuntos do Melbourne Victory (Australia) ou no Sint-Truiden (Bélxica).

O xogador que canaliza o xogo do conxunto navarro é o medio de 26 anos, Santi Samanés. É o futbolista que fai mover ao equipo, aínda que tamén ten moita presenza o mediapunta Alain Ribeiro, de 24.

O C.D. Tudelano conta cun persoal formado por 22 futbolistas, dos que sete son estranxeiros. Estes son: o porteiro arxentino Fernando Peregrino (35 anos e 1.98 mts), o porteiro mexicano Alejandro Arana (24 anos e 1,86 mts), o central arxentino Lucas Aveldaño (36 anos e 1.85 mts), o lateral zurdo arxentino Matías Sánchez (20 anos), o extremo dereito grego Christian Vassilakis (20 anos e 1.78 mts), o dianteiro centro arxentino Matías Chavarría (27 anos e 1.76 mts) e o dianteiro centro arxentino Pablo Caballero (35 anos e 1,91 mts).

O pasado 5 de setembro o C.D. Tudelano caeu no seu campo fronte o Real Club Deportivo da Coruña, por 0-1. O tanto foi de La Peña (min. 7). O balance do conxunto navarro ata a data, na que ocupa o último posto da clasificación, é de ningunha vitoria, cinco empates e nove derrotas. Desde a chegada de Carlos Pérez, o equipo empatou catro encontros e leva perdido tres.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas