O sábado 8 de febreiro disputouse en Montijo a Supercopa de España Infantil de Extremadura. O club desprazaba a tres judocas: Alba Bollo -48 kg, Xoel Siso -60kg e Hugo López -46 kg, acompañados de Alberto Castro como o seu adestrador e delegado da Selección Galega.
Nunha xornada maratoniana, Hugo López empezou a competir ás 9.00 h finalizando a súa participación ás 18:30h, alzándose co triunfo e medalla de ouro. Gañou os 3 primeiros combates da súa liga con facilidade. En oitavos de final venceu ao cántabro Bruno Rodríguez nun combate moi disputado. En cuartos de final impúxose ao andaluz Yeshua Iglesias e en semifinais enfrontouse ao valenciano Hugo Ancejo, ao que o judoca naronés gañou nunha acción onde demostrou a súa intelixencia e saber ler combates. Na final impúxose ao madrileño Santiago da Costa despois de remontar un combate que de inicio púxose na súa contra. Con esta vitoria Hugo López ten case asegurada a presenza no Campionato de España da categoría xa que gañou as Copas de Asturias, Cantabria e agora Extremadura.
Os seus compañeiros de club pasaron a fase de grupos inicial e en oitavos de final perderon os seus respectivos combates. Alba Bollo contra a tamén galega Angie Leis e Xoel Siso contra Joao Campo de Portugal.
Info e fotos: AD Judo Ferrolterra