II BTT RESISTENCIA CIDADE DE NARÓN: Un total de 260 persoas participarán este domingo

O evento está organizado polo Concello e o Club Ciclista Narón en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo.

O pasado mércores pecháronse as inscricións neste evento deportivo, puntuable para a Copa de Galicia de Resistencia, sendo unha das cinco puntuables que se sucederán este ano na comunidade autónoma, e que dará comezo ás 10.00 horas no circuíto da Pombiña, en Pedroso.

Os asistentes percorrerán un tramo de 7,2 quilómetros, ao que terán que dar o máximo número de voltas nas tres horas de duración da proba. Dende a organización aseguran que non se trata dunha proba sinxela debido ás condicións do terreo e ás choivas dos últimos días. As categorías establecidas son as de élite, élite feminino, junior, junior feminino, máster 30, 40, 50 e 60, tamén masculino e feminino, parellas masculino e feminino, parellas mix, sub 23 e sub 23 feminino.

Desde o Club Ciclista Narón destacaron a participación no evento de Manuel Parada, do CDM Xesteiras e dos locais do Club Ciclista Narón, Fernando Díaz e David Fernández, que defenderán os seus respectivos títulos nas súas categorías. Así mesmo, avanzaron a participación na categoría feminina de Rebeca Nieto, do club Vara e Pedal, dos ciclistas do CDM Xesteiras Iván Pereira e Daniel García e do gañador da primeira edición desta convocatoria, Xavier Meizoso, do Club Ciclista Narón.

Ao remate da proba os deportistas gañadores subirán ao pódium para recoller os trofeos e os maillots que os acreditan como líderes da Copa de Resistencia da Federación Galega de Ciclismo.

Desde o Concello recordouse que se habilitará un Plan Especial de Tráfico durante o desenvolvemento da proba, de 10.00 a 13.00 horas, que implicará restricións cara á Capela da O, o Castro da Hermida e o acceso á área recreativa de Bazón e Doso, que permanecerán cortados. Os residentes poderán acceder ás súas propiedades, tal e como se avanzou dende o Concello.

Info e foto: Concello de Narón

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas