II XCO Vila de AS Pontes: o Club Ciclista Terras do Eume presentou un espectacular circuíto para os amantes do ciclismo

Se tivésemos que poñerlle nota ao circuíto deseñado polo club organizador Terras do Eume para a II XCO Vila de As Pontes en colaboración co concello pontés, outorgariámoslle a matrícula de honra.

Cun percorrido de ata catro quilómetros xunto ao lago, o trazado é todo un reto para os participantes nesta modalidade dentro dunha contorna natural que mestura zonas de campo aberto con carreiros estreitos a través das arboledas, e que sumado á variedade de desniveis con diferentes graos de dificultade, obstáculos e a zona de “rock garden”, fan deste circuíto un reto de esixencia técnica e física para os ciclistas.

As opinións foron moi positivas en referencia ao evento e mesmo o ciclista e youtuber, Breogán Calviño, dedicou na súa canle un vídeo percorrendo o circuíto coa súa bicicleta e deixando en moi bo lugar á proba pontesa nas súas valoracións.

Centrándonos agora na carreira, os vencedores da II XCO Vila de As Pontes na categoría elite Saúl López da Academia Postal Maceda e Juana María Vidal do Moto Bike PC que cruzaron a meta con 01:26:46 e 01:03:27. En máster 60 a vitoria foi para José Manuel González do Club Ciclista Maceda cun tempo de 01:03:56, en máster 50 levou o primeiro lugar Marcos Vale de Gráficas Lar con 00:49:20, mentres que en máster 40 gañou Ángel Vilanova do Club Ciclista Compostelano con 00:59:40 e en máster 30 triunfaron Alain Rivas do Club Ciclista As Pontes con 01:11:13 e Raquel Vázquez do Club Ciclista Cambre cunha marca de 00:52:52. Fabián Rodríguez, tamén do Cambre, venceu en sub-23 rexistrando 01:29:04. En canto aos juniors, proclamáronse vencedores Adrián Caamaño do Caimanes Betanzos con 01:11:04 e a integrante do Team Bike Outeiro de Rei, Yaiza Vila, con 01:01:30. En cadetes as vitorias foron para o representante do Club Ciclista Ponteareas, Xian Alvariño, que chegou a meta cun tempo de 00:59:41, mentres que Iris Santana fixo o propio para o Club Ciclista Coruxo con 00:40:56. Finalmente, na categoría infantil destacaron Mateo Cernadas do Club Ciclista Cambre, que completou o circuíto en 00:26:11 e Lara Fernández do Pulpeiros Mugardos, que venceu cun tempo de 00:33:49.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas