Nestes momentos están en marcha tres importantes obras no complexo deportivo das Eiroas, no campo de fútbol do Carral e no pavillón Carballo Calero.
O Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos tres grandes obras noutras tantas instalacións deportivas municipais, nas que estamos a realizar un investimento que supera o millón e medio de euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, realizaron un completo percorrido para ver o estado das actuacións.
Por unha banda, no complexo deportivo das Eiroas avanza a construción do terceiro campo de céspede artificial, que pretende satisfacer a elevada demanda existente. As obras permitirán habilitar un novo campo de fútbol 8, que quedará unido aos existentes para poder aproveitar os edificios e servizos cos que conta o complexo.
Dentro do mesmo proxecto incluíuse a substitución do céspede do campo de fútbol principal, que sufría un gran desgaste debido ao gran uso que ten, e porque ademais, segundo as bases reguladoras de normas de competición da Segunda RFEF, na que xogará o Bergantiños a próxima tempada, os partidos deben disputarse “nun terreo de xogo de herba natural ou artificial de última xeración, cunha antigüidade máxima de oito anos”, que son os que tiña o céspede das Eiroas. O novo céspede xa está listo e este luns 12 de agosto poderá retomarse a actividade deportiva.
Tamén se realizará a substitución do céspede no campo anexo. Deste xeito, os tres campos do complexo deportivo estarán nas mellores condicións para a práctica deportiva e adaptaranse á normativa da Federación de Fútbol. O investimento total achégase aos 800.000 euros.
Tamén está en obras o campo de fútbol do Carral, en Sofán. O proxecto non afecta ao terreo de xogo, no que se renovou o céspede no ano 2018, senón que neste caso consiste na construción dun novo graderío, con máis capacidade e espazos anexos debaixo, en concreto zonas de lavandería e ximnasio. Tamén se constrúe un soto, que polo momento queda sen acondicionar. O investimento acada os 300.000 euros.
No pavillón polideportivo Carballo Calero tamén se está a realizar un investimento próximo aos 300.000 euros co obxectivo de cambiar o pavimento de toda a superficie, que acada os 1.236 metros cadrados, e a instalación dunha valla en todo o perímetro. O pavillón disporá dun novo pavimento deportivo válido para adestramento e competición de baloncesto, fútbol sala, balonmán, bádminton ou voleibol, así coma para deportes sobre rodas, como patinaxe artística ou hóckey. Precisamente, para a práctica deste deporte, instalarase unha valla de protección fixa agás nun dos laterais, que contará cun sistema hidráulico que permitirá levantala e baixala segundo as necesidades.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Xunto a estes importantes investimentos, aproveitando o verán tamén se acometeu a reforma da pista polideportiva do CEIP Plurilingüe A Cristina, respondendo deste xeito a unha demanda da comunidade educativa. O investimento, asumido tamén polo Concello de Carballo, a través da Concellaría de Educación, supera os 40.000 euros. A pista conta agora cun novo pavimento, así coma con canastras de baloncesto e porterías novas.
Por outra banda, nestes momentos está en contratación o subministro, polo sistema de arrendamento, do equipamento para as salas fitness dos complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia. O orzamento previsto para o período 2024-2028 supera os 200.000 euros.
Foto e info: Concello de Carballo