O Pavillón da Malata acolleu o vibrante e intenso choque entre O Parrulo e o Family Cash Alzira que se saldou coa vitoria dos visitantes por 2-3.
Coa espiña da eliminación da Copa Galicia a mans do Stellae, O Parrulo volvía ao rodo co obxectivo de manter a boa dinámica de catro partidos puntuando na competición nacional, recibindo na duodécima xornada a un óso duro de roer como é o Family Cash Alzira, un David contra Goliat en toda regra, pero os ferroláns xa están habituados a lidar con estes titáns tras rascar un empate a domicilio na anterior xornada co líder da división, o Entrerríos Zaragoza.
Para esta nova batalla que tería lugar no Pavillón da Malata, Gerard Casas apostou polo quinteto conformado por Mati Starna, Iván Rumbo, Rubén Orzáez, Domingos e Nico Rosa, mentres que os cinco elixidos de Braulio Correal foron Fede, Joan, Pablo Ibarra, Peiró e Ivi.
Os primeiros minutos comezaron co Family Cash Alzira cumprindo co rol de favorito pola posición na clasificación, presionando moi arriba cada saída dos ferroláns e ameazando timidamente a meta defendida por Starna con disparos desde fóra da área. O Parrulo foi meténdose no partido e Gonzalo Santa Cruz puxo o primeiro «huy» cando nunha xogada individual, chegou ata a liña de fondo e case sen ángulo picou o balón por encima de Fede, pero marchábase fóra por moi pouco. O propio Gonzalo volvería ser protagonista na seguinte xogada de perigo dos locais, baixando un balón e virándose para soltar un lategazo que se marchou por encima do arco protexido por Fede.
Estaban a ser bos minutos de O Parrulo, que superaba o ecuador do primeiro tempo encerrando aos valencianos no seu campo. Novoa volvía levantar ao público da bancada rozando o primeiro da tarde tras driblar ao seu defensor e disparar potente por raso, Fede rexeitábao pero no rebote estaba a piques de marcar en propia Gustavao, pero o gardameta reaccionaba ben para sacalo a unha man. Os de Gerard Casas volverían dispoñer doutra gran oportunidade para adiantarse no marcador nun saque de falta, tocando Gonzalo para Novoa e rematando este último ao traveseiro.
Os ferroláns dominaban, pero estaban a perdoar e é o que ten o fútbol, que cando mellor estás na cancha, o teu rival pódeche sorprender e foi o que ocorreu. Nunha xogada illada, o Alzira combinaba ben e tras saír airoso Naranjo da súa marcaxe cun bo recorte, marcaba cun forte disparo pola escuadra ante o que nada podía facer Starna.
O Parrulo non viña abaixo co tanto do rival e seguía na mesma, presionando e gozando de máis ocasións, tendo varias claras nas botas de Rumbo, Keita e Novoa que eran repelidas unha e outra vez pola madeira ou por Fede. Pero a falta de dez segundos para irnos ao descanso, o que non ía fallar era o de sempre, o goleador do equipo, Nico Rosa, que era o máis listo da clase tras aproveitar un rexeite dentro da área e poñer as táboas no marcador.
Co 1-1, ambos os equipos tomarían o camiño aos vestiarios para gozar do merecido descanso tras brindar unha gran primeira parte para os amantes do bo fútbol e recibir as instrucións dos respectivos técnicos para afrontar o próximos vinte minutos.
O segundo tempo empezou da peor maneira para os intereses ferroláns cun Alzira envorcado que atopou o gol antes de que transcorrese o primeiro minuto de xogo cun contraataque que finalizou no segundo pau Ivi. Do mesmo xeito que sucedeu no primeiro tempo, o tanto non amedrentou aos de Gerard Casas, que saíron arriba en busca do empate que casí chegou nunha xogada de Novoa, pero o seu disparo estrelouse no traveseiro. O propio Novoa foi protagonista na seguinte xogada tras un pase impreciso que foi interceptado, os valencianos saían á contra e Joan fusilaba desde o bordo da área a portería de Starna para poñer o terceiro no marcador.
O ambiente do partido empezouse a caldear nas medianías da metade do segundo tempo, tendo que intervir o colexiado para que a cousa non fose a maiores. En canto ao xogo, o terceiro tanto tranquilizou o ritmo que os ferroláns despregaron no primeiro acto e o Alzira controlaba a situación.
Os minutos avanzaban e O Parrulo entraba en urxencias buscando un tanto que lles volvese a meter no encontro. O Alzira esperaba atrás as arremetidas dos locais á espera de enganchar un contragolpe. Gerard Casas movía o banco e daba entrada a Manu Aguayo como porteiro-xogador e no primeiro ataque Domingos lograba devolver os ánimos ao pavillón cun golazo tras un forte disparo cruzado por raso.
A falta dun minuto Nico Rosa poñíase como quinto xogador e O Parrulo rozou o empate nun centro cruzado de Gonzalo que non atopou rematador no segundo pau. Os ferroláns volverían tentalo na seguinte xogada e de novo a defensa conseguiu repeler o ataque, finalizando o encontro con vitoria do Alzira, que poñía fin á boa dinámica de resultados dun O Parrulo que o tentou ata o final.
O vindeiro sábado O Parrulo disputará a 13ª xornada fóra de casa, visitando a outro equipo forte como é o Real Betis que loita polos postos de promoción.
O PARRULO: Mati Starna, Iván Rumbo, Rubén Orzáez, Domingos e Nico Rosa; tamén xogaron Víctor Montes, Novoa, Keita, Gonzalo Santa Cruz, Morgato e Turbi.
FAMILY CASH ALZIRA: Fede, Joan, Pablo Ibarra, Peiró e Ivi; tamén xogaron Rubi, Naranjo, Arechaga, Gustavao e Manolo.
GOLES: 0-1 Naranjo (17′), 1-1 Nico Rosa (19′), 1-2 Ivi (20′), 1-3 Joan (23′) e 2-3 Domingos (35′).
ÁRBITROS: Gael García Schmid, Jesús Montero Galán, Pablo Coello Martínez (árbitro 3) e Marta López López (cronometradora). Amoestaron aos locais Nico Rosa, Keita e Starna, e aos visitantes Naranjo, Joan, Peiró, Fede e Gustavao.
INCIDENCIAS: Partido da 12ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no Pavillón A Malata.