O grupo Narón Kids proclamouse campión do mundo de Danza Coreográfica

O venres 29 de marzo de 2024 pasará á historia para o grupo Narón Kids por ser o día no que se proclamaron campións do mundo de Danza Coreográfica en categoría absoluta.

A competición celebrada en Cambrils acolleu o primeiro Mundial da especialidade onde as deportistas do Club de Baile Deportivo Narón desprazáronse para participar na devandita proba.

Un total de 17 equipos de 9 nacionalidades diferentes participaron na devandita categoría (Turquía, Alemaña, Francia, Austria, Lituania, Portugal, China, Macedonia e España) onde o equipo naronés empezou a marcar as diferenzas desde a primeira rolda, na cal se clasificaba en primeira posición moi seguido do grupo de China.

Tras ir superando as diferentes eliminatorias chegaron á final onde conseguiron brillar non só acadando o Campionato do Mundo, senón tamén proclamándose como o grupo coa maior puntuación de toda a competición.

Pódese definir como tempada perfecta para o grupo naronés, na campaña onde cumpren o seu décimo aniversario e proclamáronse campións galegos, de Copa Federación, de España e para poñer o broche final, do mundo.

Destacar a participación do outro grupo do CBD Narón (Dance Narón), onde alcanzaron as semifinais do mundial e conseguiron unha destacada décima posición.

Desde o club queren agradecer todo o apoio recibido por parte de familias, amigos e compañeiros que se desprazaron ata Cambrils e aos que tamén o puideron ver desde as súas casas. E por suposto, ao Concello de Narón polo apoio ao Baile Deportivo facendo que Narón sexa un referente non só a nivel estatal, senón a nivel mundial.

Foto: Narón Kids

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas