Goleada e tres puntos nunha nova vitoria de O Parrulo tras superar ao Playas de Castellón por 7-1 no pavillón A Malata no encontro correspondente á décima xornada da Segunda División Fútbol sala.
O conxunto ferrolán dirixido por Gallego saíu en busca da vitoria co quinteto formado por Coro, Rubén Orzáez, Charly, Aitor e Keita, mentres que os de Manuel Colado saíron con Manu Aguayo, Alamikkotervo, Eric Castillo, Gensuke e Noel.
O partido non puido empezar de mellor maneira cando aos trinta segundos de encontro Aitor enganchaba un trallazo desde fóra da área que golpeaba a parte baixa do poste e coábase na portería. Tras o tanto ferrolán, os visitantes reaccionaron e tiveron dúas claras, sendo a primeira un forte disparo de Gensuke que se estrelou no traveseiro e a segunda cun balón controlado dentro da área por Alamikkotervo e que Coro consegue rexeitar tapando ben o disparo.
Os de Gallego volverían golpear, esta vez por medio de Pedro, que era o máis listo da clase ao adelatarse á defensa nun balón dividido dentro da área e fusilar a Manu Aguayo. Con dous tantos de vantaxe, os ferroláns tocaban e tocaban o balón tratando de abrir espazos, mentres o Playas de Castellón buscaba ameazar a portería de Coro con disparos desde longa distancia, aínda que serían os locais quen tería preto o terceiro tras un saque de banda que recolle Domingos e mándao directo ao pau.
A falta de seis minutos para chegar ao descanso, Aitor e Keita inventaron unha bonita xogada que finalizou con Aitor nun man a man que rexeitou Aguayo e no rebote Keita rozou o tanto, pero a defensa sacou baixo paus. O que non perdoaría sería o Playas de Castellón que recortaría distancias cun disparo raso desde fóra da área que Gensuke deixa pasar e despista a un tempo e Orźaez, terminando o balón dentro da portería ferrolá.
O marcador xa non se movería máis e os dous equipos marcharíanse aos vestiarios tras unha primeira parte moi intensa, cun O Parrulo mellor na cancha ante un Playas de Castellón moi combativo.
Arrincou o segundo tempo avisando o conxunto visitante cun forte disparo de Gensuke que por segunda vez no partido rebentaba o balón na cruceta. Pero serían os de Gallego os que volverían facer dano cun tanto de Keita que supera a Bruno no man a man cunha picadita marca da casa. Co terceiro tanto local, o Castellón lanzouse ao ataque e o sempre omnipresente Gensuke tivo dúas claras, primeiro cun disparo ao pau e posteriormente cun rexeite que caza dentro da área e Coro logra rexeitar.
O Parrulo estaba crecido e gustándose nos primeiros minutos de partido e nunha xogada de persoal de Novoa roldou o cuarto da tarde cun pase da morte para Pedro e que Bruno logra sacar cunha incrible atallada de socato. Na seguinte xogada os ferroláns atoparían o premio do gol nun balón que recolle Negro e perfora as redes visitantes cun soberbio disparo pola escuadra.
O partido baixou un pouco as revolucións en canto a oportunidades por mor do cuarto tanto. Os de Manuel Colado trataban de atopar espazos que lles permitise volver engancharse ao encontro, pero O Parrulo tapaba ben en defensa. Tras varias xogadas sen perigo para ambas as porterías, chegaría o quinto dos locais nun saque de falta no que o balón quedaba morto dentro da área e Keita anticipábase para marcar o seu dobrete persoal.
Sen nada que perder, o Playas de Castellón saíu con Barbeiro como porteiro-xogador e Noel tivo nas súas botas unha oportunidade para facer o segundo tanto dos visitantes, pero o seu disparo por raso golpeou o poste. Nunha nova chegada do Castellón, Rubén Orzáez recuperaba o balón e lograba o sexto tanto ferrolán cun disparo desde o seu campo. Este tanto foi un xerro de auga fría para os de Colado e os de Gallego cheiraban o sangue e querían máis e así foi cando nunha nova contra finalízaa Pedro cun toque de moita calidade co que supera a Bruno para facer o sétimo. Con esta vitoria, O Parrulo sitúase na terceira praza e continúa na boa dinámica de resultados da competición ligueira, volvendo xogar na próxima xornada no seu feudo onde recibirá ao Melistar Futsal.
O PARRULO: Coro, Rubén Orzáez, Charly, Aitor y Keita; tamén xogaron Álex Moñino, Novoa, Negro, Domingo, Pedro. Iván Rumbo, Pansi e Turbi.
PLAYAS DE CASTELLÓN: Manu Aguayo, Alamikkotervo, Eric Castillo, Gensuke y Noel; tamén xogaron Cola, Guancho, Sergio Barbero, Lorca, Bruno e José Alberto.
GOLES: 1-0 Aitor (1′), 2-0 Pedro (6′), 2-1 Guancho (17′), 3-1 Keita (21′), 4-1 Negro (26′), 5-1 Keita (33′), 6-1 Rubén Orzáez (36′) e 7-1 Pedro (37′).
ÁRBITROS: Rubén Miguel Velasco, Jesús Montero Galán, Miguel Jesús Rodríguez Pontanilla e Clara Díez Gil. Amoestaron ao local Negro e ao visitante Noel.
INCIDENCIAS: Partido da décima xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.