Continúan as obras de construción do terceiro campo do complexo municipal, que se destinará á práctica de fútbol 8.
O campo de fútbol anexo das Eiroas está operativo de novo desde o xoves, 29 de agosto, tras as obras de instalación do novo céspede artificial. Deste xeito, os dous campos de fútbol do complexo deportivo municipal estarán xa a pleno rendemento.
O pasado día 12 retomouse a actividade tamén no campo principal, tras as obras de substitución do céspede, que sufría un gran desgaste debido ao gran uso que ten, e porque ademais, segundo as bases reguladoras de normas de competición da Segunda RFEF, na que xogará o Bergantiños a próxima tempada, os partidos deben disputarse “nun terreo de xogo de herba natural ou artificial de última xeración, cunha antigüidade máxima de oito anos”, que son os que tiña o céspede das Eiroas.
Dentro do mesmo proxecto, que executa a empresa Vázquez y Reino cun orzamento próximo aos 800.000 euros, figura tamén a construción dun terceiro campo de céspede artificial, que pretende satisfacer a elevada demanda existente. As obras permitirán habilitar un novo campo de fútbol 8, que quedará unido aos existentes para poder aproveitar os edificios e servizos cos que conta o complexo.
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, realizaron unha visita ás obras do terceiro campo e puideron comprobar tamén o resultado da actuación realizada no anexo.
Info e foto: Concello de Carballo