A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá no Concello a oitava edición do Trofeo Cidade de Narón de fútbol sala, acompañados polo secretario do Club Cidade de Narón, Roberto Ortega.
A cita deportiva entre o Cidade de Narón FS e o Parrulo FS tal e como avanzou a rexedora local, terá lugar o vindeiro 9 de setembro, ás 21:00 horas, no complexo polideportivo municipal da Gándara.
O representante do club local agradeceu a colaboración do Concello neste evento deportivo e asegurou que “na comarca creo que non hai un partido máis atractivo que este de fútbol sala”. Así mesmo, Ortega agradeceu a participación do Parrulo FS “porque para nosoutros é un aliciente moi grande poder xogar con eles e comezar deste xeito a tempada”. Dende o Cidade de Narón recordaron ademais que as persoas interesadas en inscribirse nas súas escolas deportivas, con todas as categorías, dende biberóns ata xuvenís, poden informarse a través do correo: futsal@cidadenaron.eu.
Pola súa banda, Ferreiro destacou o traballo que realiza o Cidade de Narón ao longo de cada tempada e animou ás veciñas e veciños a acudir a esta cita deportiva, con entrada de balde. “Sodes un dos clubs deportivos de referencia da nosa cidade e esperamos que así siga sendo durante moitos anos e que continuedes traballando e acadando numerosos éxitos na tempada que está a piques de comezar”, asegurou a alcaldesa.
Información e fotos: Concello de Narón