XXXV Gala do Deporte de Narón: o padelista Iago Fuertes recibiu o premio ao Mellor Deportista

O Pazo da Cultura foi o epicentro da trixésimo quinta edición da Gala do Deporte de Narón 2024, recibindo a unhas setecentas persoas na noite do pasado venres nun evento que tivo actuacións de baile por parte de Paso a Paso, Un Paso Adelante e Narón Kids, e a exhibición de baloncesto en cadeira de rodas.

A estrela da noite foi o padelista Iago Fuertes Leonardo, do Club de Pádel Narón, que foi premiado como o Mellor Deportista do municipio naronés cun palmarés cos títulos de campión do mundo da súa categoría co combinado español, de Europa coa selección española e por parellas en categoría infantil, de España por equipos en cadete, dúas veces de Galicia, do Torneo Internacional FIP Promises de Bélxica e do I Grand Slam en Tarragona, e subcampión do mundo en infantil e de España en cadete. A alcaldesa do concello naronés, Marián Ferreiro, fixo entrega do galardón ao irmán de Iago Fuertes, Pablo, xa que está competindo en Mérida.

O edil de Deportes, Ibán Santalla, e outros concelleiros/as, entregaron os galardóns a outros deportistas nas diferentes modalidades: atletismo, automobilismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, baloncesto en cadeira de rodas, balonmán, boxeo savate, carreira de montaña, ciclismo de montaña, colombofilia, danza urbana, fútbol, fútbol sala, golf, judo, kárate, karting, kickboxing, motociclismo, natación, natación artística, pádel, piragüismo, rallye slot, remo, silvestrismo, tenis de mesa, tiro con arco, tiro olímpico, tríatlon, voleibol, xadrez, ximnasia artística e ximnasia rítmica.

Houbo mencións especiais á “Mellor Promesa” a June Moreno (AD Judo Ferrolterra); “Mellor Protección Deportiva” a Miguel Graña del Solar (AD Náutico de Narón); “Mellor Traxectoria Deportiva” a Sara Guerrero (AD Náutico de Narón); “Mellor Adestrador” a Lino López (Baxi Ferrol); e “Mellor Club” ao Atletismo Narón, ademais de recoñecementos a Antonio Sueiras (Escudería Siroco Narón) polo seu traballo e dedicación ao longo dos anos co deporte naronés; á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Narón pola súa axuda e colaboración desinteresada nos eventos deportivos do Concello; a Jorge Cagiao (Escudería Alpine Recalvi Rallye Team) e Zoraida Bermúdez (PowerFénix) polos logros deportivos obtidos ao longo deste ano; a Lorena Bermúdez (Inclubasket Coruña) polo seu esforzo e superación no deporte; a Narón Kids (Club Baile Deportivo Narón) e a Revolution UPA (Un Paso Adelante) por levar o nome de Narón polo mundo adiante.

Fotos: Concello de Narón

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas