O piloto dumbriés e pentacampión galego de rallyes, Víctor Senra, logrou impoñerse xunto ao seu copiloto, Jandrín López, no 53º Rallye de Ferrol – Suzuki.
A proba, que este ano contou con 72 pilotos rexistrados, percorreu os Concellos de Ferrol, Irixoa, Monfero, San Sadurniño e As Somozas, e ao volante do seu Škoda Fabia Rally2 Evo, Víctor Senra dominou de principio a fin asinando un tempo final de 1:11:22.7, logrando así o seu terceiro triunfo na CERA – Recalvi e recuperando o liderado do certame cando faltan aínda dúas probas.
No podio tamén estivo o piloto ourensán Javier Pardo xunto ao seu copiloto Adrián Pérez, que aos mandos do Suzuki Swift R4LLY S lograron a segunda posición tras obter un tempo de 1:13:20.3, a unha diferenza de +1:57.6 con respecto a Víctor Senra.
O podio completárono o pontevedrés Jorge Pérez xunto ao seu copiloto Miriam Beira, que co seu Škoda Fabia R5 alcanzaron o terceiro posto cun tempo de 1:13:49.2, é dicir, a unha diferenza de Víctor Senra de +2:26.5 e de +28.9 de Javier Pardo.
CERA – RECALVI 2022
A clasificación actual do CERA – Recalvi 2022 está liderada por Víctor Senra, que suma ata o momento un total de 105 puntos, seguido por Jorge Pérez na segunda praza con 101 puntos, mentres que no terceiro posto e algo máis afastado con 88 puntos atópase Óscar Palacio.
Faltan dúas probas máis para finalizar o CERA – Recalvi 2022: por unha banda está o 55º Rallye Recalvi Rías Baixas, que terá lugar desde o 30 de setembro ata o 1 de outubro, e posteriormente será o 36º Rally Norte de Extremadura nas datas do 21 e 22 de outubro.