O Muxía, subcampión da XXXIV Copa Deputación tras caer ante un contundente Negreira

O Municipal de Gallamonde foi o escenario da 34ª edición da Copa Deputación da Coruña, unha competición que reuniu a catro equipos nunha intensa xornada de fútbol e que rematou coa proclamación do Negreira como novo campión tras superar con claridade ao Muxía por 4-0 na gran final.

O conxunto muxián alcanzou o encontro decisivo despois de superar nas semifinais ao O Val no derbi das nosas edicións da revista. Os corviños ofreceron unha actuación moi seria e impuxéronse por 2-0 aos valexos, asegurando así a súa presenza na loita polo título.

Previamente, na outra semifinal viviuse un duelo de máxima igualdade entre o Negreira e o San Tirso. O encontro rematou cun empate por 1-1 e a clasificación tivo que decidirse desde o punto de penalti, onde o cadro de Negreira mostrou maior acerto para impoñerse por un axustado 5-6.

Xa na final, o Negreira confirmou o excelente momento de forma que atravesa e non deu opción ao Muxía. O equipo de Negreira mostrouse moi eficaz tanto en ataque como en defensa, amosando unha gran pegada nos minutos finais e asinando unha contundente vitoria por 4-0 que lle permitiu levantar o trofeo.

Co triunfo na Copa Deputación, o Negreira recibe un premio económico de 5.000 euros e consegue tamén o billete para disputar a Supercopa Deputación, competición que reunirá aos campións das copas provinciais galegas. Ademais, o vencedor dese torneo terá como recompensa disputar a fase previa da Copa do Rei.

Pola súa banda, o Muxía pecha a súa participación cun meritorio subcampionato, que lle reportará un premio de 4.000 euros. O San Tirso e O Val, eliminados nas semifinais, percibirán 1.500 euros cada un.

A entrega de premios contou coa presenza do voceiro do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández; do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; da tenente de alcaldía e concelleira de Deportes de Muxía, Sandra Vilela; e do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, quen acompañou ao equipo da súa localidade na celebración dun título que lles abre agora as portas da Supercopa Deputación.

Foto: Deputación da Coruña

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas