O conxunto ferrolán está vivindo o renacer dun proxecto impulsado por unha nova xunta directiva, encabezada por Bruno García como presidente e co seu irmán David García á fronte da dirección xeral. Xuntos iniciaron un verán intenso, marcado por decisións valentes e unha clara aposta por devolver ao club ao lugar que merece.
Á renovación da zona nobre sumouse tamén Adri como embaixador institucional, reforzando a unión entre a entidade e unha afección que nunca deixou de crer.
O primeiro gran reto de Bruno e David foi garantir a continuidade de Gerard Casas. O técnico catalán xa tiña un acordo con outro club para iniciar unha nova etapa lonxe de Ferrol, pero finalmente decidiu continuar dúas campañas máis defendendo o escudo ferrolán. Ademais, asumirá tamén a dirección deportiva. Ao seu lado seguirá Pol Cuairán como segundo adestrador.
A reconstrución do vestiario trouxo despedidas importantes, como a de Iván Rumbo, á que se sumou a marcha de Morgato, Gonzalo Santa Cruz, Bruno Días, Starna, Penezio, Jon e finalmente Niko Vukmir, que pecharon a súa etapa no Parrulo deixando pegada. Pola contra, a columna vertebral mantense grazas ás renovacións do capitán Rubén Orzáez, dun referente como Turbi, así como de Jhoy e Caio César. Ademais, Novoa, Malaguti e Diogo teñen contrato e, salvo cambios durante o mercado, continuarán no club.
Gerard Casas tamén traballou arreo nos despachos para confeccionar un cadro de xogadores competitivo. Chegaron os brasileiros Yan Matheus de Deus, Guilherme Kadu, Lucas Farias, cedido polo Jimbee Cartagena, Rikelme e Brayan, o kuwaití Omar Alshatti, que afrontará unha etapa de avaliación durante a pretempada, e os españois Alejandro Palazón e Jorge Quelle. Cada incorporación representa unha nova arma para un equipo decidido a competir sen complexos.
O horizonte competitivo tamén cambia coa nova Liga Prime Futsal. O Torneo Apertura abrirá a batalla entre setembro e decembro e o Clausura disputarase entre xaneiro e maio, antes duns esixentes play-offs ao mellor de tres partidos.
O Parrulo iniciará o seu camiño ligueiro o 13 de setembro recibindo ao Quesos El Hidalgo Manzanares FS. Soará a bucina, ruxirá o Pavillón da Malata e Ferrol volverá soñar con grandes fazañas, convencida de que este novo proxecto pode converter cada partido nun paso máis cara á gloria definitiva.
Foto: sadmoody241




