Natalia Veiga Aneiros (Ferrol, 2001) afronta unha nova tempada coma referente indiscutible de O Val. Será a súa cuarta campaña vestindo esta camiseta e a segunda na Terceira Federación, onde continúa resoando como un baluarte inesgotable da familia valexa, preparada para conquistar novos desafíos con corazón, coraxe e ambición infinita, deixando pegada en cada partido. Antes, durante trece anos, honrou con orgullo o escudo do Amistade.
Xoga como central, aínda que domina tamén o lateral, a medular e as posicións ofensivas, demostrando unha polivalencia extraordinaria. No terreo de xogo impón carácter, gaña duelos con determinación e afronta as accións coa valentía de quen nunca recúa. Nunca dá un balón por perdido, érguese sempre fronte ás adversidades e responde con firmeza, intelixencia e carácter. A súa voz guía ás compañeiras, ordena liñas, transmite confianza e acende o ánimo colectivo.
Traballadora incansable, deixa todo sobre o campo sen reservar unha pinga de esforzo. Defende con contundencia, sae co balón controlado e converte cada recuperación nun inicio de esperanza. Cando o rival procura abrir fendas, Natalia péchaas con decisión e orgullo. Cando chega o momento de construír, ergue o xogo con serenidade e precisión. O seu exemplo inspira ás máis novas e fortalece ás veteranas. É unha capitá sen precisar brazalete, porque lidera cos feitos antes que coas palabras. Mentres soa o asubío final, permanece coa mesma fame de competir que no primeiro minuto.
Que significa para ti defender esta camiseta por cuarta tempada?
Para min, defender a camiseta da SD O Val é un orgullo, debido a todo o traballo que fan día a día para que as cousas funcionen o mellor posible e polo sentimento de pertencer a unha gran familia.
É a túa segunda tempada en Terceira Federación. Con que sensacións chegas tras a experiencia do ano pasado?
A verdade é que o primeiro ano collino con moitas ganas e moita ilusión, xa que era unha categoría nova para min, na que nunca estivera e que sempre vía como algo moi afastado de poder vivir, e agora, un pouco máis afeita tras esa primeira tempada, teño unhas sensacións bastante diferentes ás do ano pasado, xa que foi un ano moi complicado debido á esixencia que tiña a categoría e porque non estabamos a poder conseguir os resultados desexados.
Que obxectivos persoais e colectivos te marcas para esta tempada?
O meu obxectivo principal, como o resto dos anos, é gozar do fútbol e, por suposto, dar o mellor de min día a día. E o obxectivo colectivo sería poder quedar en mellor posición que o ano pasado e intentar loitar por conseguir mellores resultados.
Foto: sadmoody241




