O Paiosaco proclamouse campión do Trofeo Concello da Laracha, celebrado no municipal larachés no marco das grandes festas de Torás, onde o conxunto verdibranco conquistou o título con pleno de vitorias, tras impoñerse ao Club do Mar por 1-0 e ao Xuventude Laracha por 2-0.
O segundo posto foi para o cadro caionés, que previamente superara ao Xuventude Laracha, que remataría no terceiro posto, por 2-1 nun encontro no que tivo que remontar.
O torneo estivo acompañado dun excelente ambiente nas bancadas, onde había ganas de comprobar as primeiras evolucións dos tres equipos a poucos días do inicio da competición oficial. A ameaza de choiva que anunciaban as previsións quedou finalmente en nada, permitindo que a xornada se desenvolvese con normalidade. Sobre o céspede, os tres conxuntos aproveitaron a cita para continuar coa súa posta a punto. Máis que un verdadeiro termómetro competitivo, o triangular serviu para que os técnicos repartisen minutos entre os seus xogadores, especialmente entre os novos reforzos, e para evitar riscos e lesións innecesarias antes do comezo da tempada.
A pesar das diferenzas de categoría, estas apenas se fixeron notar durante boa parte da xornada. O Xuventude Laracha, que a pasada campaña roldou o ascenso á Segunda Futgal, deixou moi boas sensacións. O equipo larachés competiu de igual a igual ante o Club do Mar e mostrou personalidade fronte a un Paiosaco superior en practicamente todas as facetas do xogo. Tamén deixou unha impresión moi positiva o Club do Mar de Caión, vixente campión do torneo local.
E por riba de todos, o Paiosaco. O campión do triangular mostrouse sólido, equilibrado e superior aos seus dous rivais, confirmando que pode ter argumentos para converterse nun dos equipos revelación da Preferente Autonómica. Se consegue manter durante a competición a regularidade que lle faltou a pasada campaña, o conxunto verdibranco podería mirar cara á zona alta da clasificación e mesmo aspirar a disputar a liguiña de ascenso a Tercera División.
O 28º Trofeo Concello da Laracha deixou, así, un campión claro e tres equipos con motivos para o optimismo. O fútbol oficial está á volta da esquina e o municipal larachés xa ofreceu unha primeira mostra do que poden dar de si esta tempada.
Foto: Ruper.fotografía




