O Racing faise cos trofeos de Mugardos e Cerdido

O Racing Club Ferrol pechou a pretempada con dous novos trofeos para as súas vitrinas. O conxunto ferrolán impúxose ao Coruxo por 1-0 no Trofeo Concello de Mugardos e levou tamén o Trofeo Concello de Cerdido, tras superar ao Somozas na quenda de penaltis despois dun empate sen goles.

Na tarde do venres, o conxunto ferrolán impúxose por 1-0 ao Coruxo na 53ª edición do Trofeo do Concello de Mugardos, disputada no campo de A Pedreira. O equipo ferrolán foi claramente superior na primeira metade. Dominou a posesión, moveu ben o balón e atopou espazos polas bandas, aínda que lle faltou transformar ese dominio en goles. A primeira ocasión clara tivo como protagonista a David Osei, que se desfixo ben do seu marcador, pero non conseguiu culminar a xogada e o balón marchou fóra. Pouco despois, sería Raúl Alcaina quen dispuxese doutra boa oportunidade, aínda que o balón non terminaría dentro das redes do arco do Coruxo.

Os ferroláns dominaban o primeiro acto e atopaban con facilidade as bandas e, coa posesión do balón, apenas concedían opcións en defensa. David Osei, moi activo no encontro, volveu gozar dunha clara oportunidade, pero de novo fallou na definición. Na banda dereita, Álex González foi outro dos destacados, combinando capacidade defensiva e chegada ao ataque. O Coruxo, pola súa banda, trataba de resistir e apenas conseguía achegarse con perigo á área defendida por Lucas Díaz. A mellor oportunidade visitante do primeiro tempo foi para Dani Rosa, pero o gardameta racinguista resolveu ben.

O guión mudou no inicio da segunda metade. O Coruxo saíu con máis intensidade e Izan protagonizou unha rápida contra na que acabou caendo dentro da área tras a presión da defensa verde. O árbitro non considerou que houbese penalti, e pouco despois, Álex Barba e Xavi Cidre tamén puxeron a proba ao Racing, aínda que a ocasión máis clara foi para David Añón, que estrelou o balón no poste. Co paso dos minutos, o Racing recuperou o mando. Os ferroláns volveron instalarse no campo contrario e o Coruxo tivo que defenderse cada vez máis preto da súa área. Cando o encontro parecía camiñar cara ao empate, chegou o premio. Rubo fabricou unha gran xogada e, na recta final, Azael encargouse de poñer o remate definitivo para enviar o balón ao fondo da rede e establecer o 1-0. Un gol que lle deu ao Racing o trofeo de Mugardos e que premiou o seu dominio durante boa parte do encontro.

O TROFEO DE CERDIDO, DECICIDO DESDE OS ONCE METROS

Xa na tarde do sábado, o Racing disputou o seu último amigable da pretempada no campo Bernardino Breijo, con motivo do Trofeo Concello de Cerdido. A cita serviu tamén para render homenaxe ao Cebarca polo seu 50 aniversario e enfrontou aos ferroláns co Somozas, da Terceira Federación, que deu moito traballo aos de Javi Vázquez. Neste caso non houbo goles e o trofeo tivo que decidirse desde o punto de penalti, onde o Racing impúxose por 3-4 e completou así a súa particular colección de trofeos desta pretempada.

Na primeira metade, o Somozas mostrouse máis cómodo, cunha presión alta que lle permitiu recuperar balóns e achegarse con perigo. Charly tivo a mellor ocasión cun remate a bocaxarro que César conseguiu deter. O Racing tamén dispuxo das súas oportunidades, cun disparo de falta de Bernal que se marchou desviado, e un remate de Endika que rozou o pau.

Tras o descanso, o Racing saíu con outra actitude. Unha boa acción de Fanego permitiu a Álex González rematar, aínda que o balón marchou por riba da portería. Minutos despois, Ivi Guerrero tivo outra boa oportunidade tras unha falta, pero Fabio respondeu cunha intervención que enviou o balón a córner. O conxunto ferrolán foi medrando co paso dos minutos e aumentou a presión, dificultando a saída de balón do Somozas, que comezou a sufrir máis para progresar. A pouco máis dun cuarto de hora para o final, Migue Leal tivo unha boa oportunidade cun disparo que Jan Danés conseguiu despexar. O gardameta do Somozas volveu ser protagonista nos minutos finais, con boas intervencións ante Endika e Álex Díaz.

O marcador, con todo, xa non se movería e o trofeo quedou abocado á tanda de penaltis. Desde os once metros, o Racing mostrou máis acerto e venceu por 3-4, levando para Ferrol tamén o Trofeo Concello de Cerdido.

Dous trofeos e dous partidos de preparación que serven para pechar unha pretempada na que o Racing continúa dando forma ao seu novo proxecto. En Mugardos, cun triunfo traballado ante un rival de Segunda Federación, mentres que en Cerdido, cunha tanda de penaltis que lle permitiu despedir a preparación cun novo trofeo.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas