O Bergantiños proclamouse novo campión da fase autonómica da Copa Federación despois de superar por 1-3 o Boiro na final disputada no campo Julio Mato de Noia.
O triunfo confirma o bo momento do conxunto carballés e dálle o pasaporte para a fase nacional da competición, na que loitará por unha das catro prazas que permiten disputar a vindeira edición da Copa do Rei.
Os homes de Simón Lamas saíron perfectamente mentalizados e dominaron unha primeira metade na que levaron a iniciativa, aínda que sen acadar o ritmo e a fluidez amosados nas eliminatorias anteriores. A recompensa chegou moi cedo cando Yago Gandoy puxo un gran centro e Tomás apareceu para cabecear ao fondo da portería e poñer o 0-1. O gol non mudou a dinámica do encontro e o Bergan seguiu buscando a portería do Boiro. Os carballeses terían dúas ocasións clarísimas para ampliar a vantaxe, pero tanto Pachón como Ale Sánchez non acertaron no remate.
Foi entón cando Ale Sánchez non perdoou tras un saque de banda pola esquerda do ataque carballés, o balón acabou nos seus pés e colocou a pelota fóra do alcance do porteiro Borja. O 0-2 facía xustiza á superioridade do Bergan e permitía aos de Simón Lamas marchar ao descanso cunha cómoda renda.
Na segunda metade, os cambios introducidos polos dous técnicos e o propio desenvolvemento do partido fixeron que o ritmo baixase. As ocasións escasearon e o marcador permaneceu inmóbil durante moitos minutos, nunha recta final na que o Boiro intentou reaccionar sen atopar o camiño para poñer en perigo a vantaxe carballesa. Foi xa no tempo engadido cando chegaron os goles que pecharon definitivamente a final. Yago Gandoy marcaría o terceiro tanto dos carballeses, mentres que Mateo Lago faría o tanto da honra para o Boiro.
Pouco despois, o colexiado David Táboas sinalou o final do encontro e o asubío desatou a festa entre os xogadores, o corpo técnico, os directivos e os afeccionados desprazados desde Carballo. O momento máis simbólico chegou cando o capitán Iago Novo recibiu a Copa das mans do presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto.
O Bergantiños pechaba así unha tarde para a historia cun título, unha praza na fase nacional e o soño de seguir avanzando cara á Copa do Rei. A vitoria no Julio Mato puxo o broche a unha competición na que o conxunto carballés confirmou a súa ambición e demostrou que está preparado para afrontar novos retos.
Foto: Bergantiños FC




