Na Costa da Morte non hai recuncho que non coñeza o nome de Adrián López López “Makaay” (Fisterra, 1988). O dianteiro afronta esta tempada unha nova aventura no Corcubión, despois de oito campañas consecutivas defendendo a camisola do Fisterra.
A súa historia é unha viaxe de puro fútbol polo Conxo, Compos, Calasanz, Villarreal en xuvenís, Laracha, Montañeros, Dumbría, Arosa e Soneira. Pero foi na súa terra onde escribiu páxinas de ouro. Co Fisterra levantou a Liga da Costa, a de Primeira Futgal e unha Copa da Costa, ademais de conquistar o ascenso a Terceira. No Dumbría, a súa pegada tamén quedou gravada con outra Liga de Primeira Futgal e dúas Copas da Costa.
Makaay é deses dianteiros que parecen feitos noutra época, pero perfectamente adaptados ao fútbol moderno. Vive para o gol, coleccionándoo tempada tras tempada, cun remate de primeiras que é marca da casa. Pero tamén entende o sacrificio de presionar en bloque alto ou baixar cando o equipo o precisa. E cando o balón cae nos seus pés, aparece a maxia cun golpeo fabuloso, visión periférica e instinto. Maakay segue escribindo a súa lenda.
Como foi deixar o Fisterra despois de oito anos?
Pois non foi algo que tivera en mente, de feito, un par de semanas antes xa renovara, pero bo, cambiaron as cousas e non estaba disposto a aceptar determinadas cousas que me querían impoñer, polo tanto non me quedou outra que marchar. Ao final un ten que estar onde de verdade queren que esteas.
Que foi o que che atraeu do proxecto do Corcubión?
Do Corcubión xa coñecía bastante, xa que teño familia aí, e que Ángel sexa o adestrador foi o que me acabou de convencer. É como un pai para min no tema futbolístico, e cando el me falou, xa aceptei.
Que momento da túa carreira recordas con máis cariño?
Moitos. Non sabería quedarme con un, pero quizais o debut en Terceira co Fisterra ou a Copa da Costa que levantei en Santa Comba sexan os máis especiais.
Que significa para ti ser un referente para os máis novos?
Teño asumido iso desde fai moito tempo e desfruto con elo. Eles saben o que fun neste mundiño e a min gústame aconsellalos en todo o que podo, aínda que eu no seu día non o fixese. Intento que o fagan mellor do que eu o fixen e cheguen o máis arriba posible.
Houbo algún adestrador que cambiase a túa maneira de entender o fútbol?
Todos che cambian e de todos colles cousas boas e non tanto. Os irmáns López Canosa, José e Ángel foron como da miña familia. Deles aprendín case todo o que son sobre este deporte. Pero tiven un no Compos, Abel Mourelo, que a día de hoxe adestra en Asia, que me marcou moito pola súa maneira de entender o fútbol, tan pasional, e na que me vexo reflexado. E despois, todos os demais dos que seguro aprendín moitísimo.
Aínda queda Makaay para moitos anos?
Creo que no campo non, aínda que non o descarto. Vou véndome ano a ano e dependendo como acabe a tempada, decidirei se sigo ou se o deixo. O meu único obxectivo agora é que a miña filla me vexa marcando e celebrando un gol. Con iso creo que o círculo estaría pechado, xa que o fútbol deume todo.
Foto: Foto Fuentes Cee



