Churrero: “Sabía que tiñamos moi bo equipo e todos nos levamos moi ben, formando un grupo que é como unha familia”

Ao Monfero chegou esta tempada un guerreiro coa ilusión dun novo reto, Yago González Orgeira (Miño, 1998), coñecido como Churrero, que acabou entrando na historia do club.

O dianteiro converteuse na gran referencia ofensiva dun equipo que asinou unha campaña perfecta, conquistando a Liga e a Copa da Terceira Futgal e logrando o ascenso a Segunda Futgal na súa primeira aventura como monferés. Formado no Miño e con experiencia en equipos como Ural, Lugo, San Tirso, Órdenes, Silva e Betanzos, Churrero levou ao Monfero toda a súa experiencia e instinto goleador. Desde o primeiro encontro mostrou as súas armas: potencia física, velocidade, capacidade para atopar espazos e unha enorme calidade co balón nos pés.

A súa tempada foi espectacular, sumando 38 goles entre todas as competicións, converténdose no máximo artilleiro do equipo e nun dos nomes propios da categoría. Moitos dos triunfos do Monfero levaron a súa sinatura, aparecendo sempre nos momentos importantes e marcando diferenzas cando máis o necesitaba o equipo. Ao seu lado brillou tamén Álex Varela, autor de 28 tantos, formando ambos unha das duplas máis letais do fútbol afeccionado. Así quedará lembrado este ano, o da explosión de Churrero, o goleador que liderou un equipo campión e abriu as portas dun novo tempo en Monfero.

¿Imaxinabas gañar a Copa, a Liga e o ascenso na túa primeira tempada no Monfero?
Sabía que tiñamos moi bo equipo e todos nos levamos moi ben, formando un grupo que é como unha familia. Entón, a medida que empezamos a competición, si que mo imaxinaba.

¿Que foi o que máis che chamou a atención do Monfero para fichar?
Que tiña alí a todos os meus amigos e dicíanme que o ía pasar moi ben.

¿Que gol consideras o máis especial de toda a túa carreira deportiva?
Pois a verdade é que non teño ningún en concreto, todos son importantes, sobre todo para os dianteiros.

¿Que xogador é o teu principal referente e por que?
Eu diría que Cristiano Ronaldo, porque me coincidiu na época de máis pequeno, e pola arrancada e os goles que marcaba.

¿Que palabras lle dedicarías á afección do Monfero?
É unha afección moi próxima aos xogadores e sempre nos están apoiando, e así é moi bonito xogar.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas