Alejandro del Río González (Ferrol, 2001), coñecido deportivamente como Álex del Río, é un dianteiro de instinto voraz, un auténtico cazagoles que converte cada xogada nunha oportunidade e os espazos nunha sentenza para as defensas rivais.
Formado na canteira do Racing, medrou entre defensas e desafíos, deixando a súa pegada en equipos como As Pontes, Somozas e Betanzos. Agora, no Galicia de Mugardos, club no que milita por terceira vez, regresa disposto a facer tremer as redes. Mobilidade, olfacto e voracidade definen a Álex del Río. Un depredador da área que non precisa permiso para escribir a súa lenda.
Que te motivou do proxecto mugardés para regresar?
É un club cun ambiente familiar incrible, fan que todos nos sintamos importantes e temos unha afección que sempre está apoiando, sexa onde sexa. Síntome moi cómodo e feliz aquí.
Con que compañeiro te entendes mellor dentro do campo e por que?
Non hai un compañeiro concreto co que me entenda mellor. Creo que, do medio do campo para arriba, temos unha maneira de ver o fútbol moi parecida todos os xogadores e, pouco a pouco, imos coñecéndonos e entendéndonos mellor.
Que obxectivos vos marcades para esta tempada?
A todos nos gustaría estar arriba, loitando polo playoff, pero sabemos que é difícil. É unha liga moi igualada na que se penalizan moito os erros e, ao final, o que máis os minimice e consiga impoñer a súa idea, é o que ten máis opcións.
Fotos: sadmoody241



