Ariadna Lorenzo Picos (Cedeira, 2000), coñecida como Ari Lorenzo, cumpre a súa segunda tempada consecutiva en O Val, club no que se formou.
Tras pasar polo Narón O Freixo, o Amistade e A Fervenza de fútbol sala, destaca como central rápida, contundente, con boa saída de balón e moi comunicativa nas tarefas defensivas.
Como valoras esta segunda experiencia consecutiva na Terceira Federación?
Esta segunda experiencia na Terceira Federación está a ser moi positiva. É certo que vimos dunha mala experiencia a tempada pasada, pero este ano afrontámolo dunha maneira moi diferente. Estamos máis positivas, motivadas e comprometidas, traballando moito. Ese traballo está a dar os seus froitos e, por fin, estamos demostrando que esta categoría é para nós e que temos equipo máis que suficiente para competir nela e estar onde estamos.
Como ves o equipo este ano?
Creo que o equipo está moi ben. Estamos moi unidas, traballamos moito e, sobre todo, estamos gozando de estar onde estamos. Temos moitas ganas, ilusión e compromiso, e iso nótase tanto nos adestramentos como nos partidos. No que levamos de tempada xa estamos demostrando pouco a pouco o potencial que temos, aínda que sabemos que aínda nos queda moito por mellorar e demostrar.
Que obxectivo esperades cumprir?
Creo que o primeiro obxectivo é gozar da categoría todo o que non fomos capaces de gozar a tempada pasada. Queremos demostrar quen somos, do que somos capaces e o nivel que ten o equipo. A partir de aí, queremos competir ao máximo, sumar puntos sempre que poidamos e rematar a tempada na mellor posición posible. Temos moitas ganas de seguir gozando, medrando e demostrando o que somos capaces de facer.
Fotos: sadmoody241



