David Prieto: “Cedeira é a miña segunda casa”

O porteiro David Prieto Gómez (Ortigueira, 1996) é un dos capitáns e o muro do Cedeira por undécima vez.

Formouse no Ortigueira ata cadetes, e no Cariño na etapa de xuvenís e un ano no primeiro equipo.

Que significa para ti levar tantos anos vestindo esta camisola?
Pois, para min ten un significado moi especial, polo feito de que sempre me trataron coma na casa desde o primeiro día, tanto os compañeiros como as directivas, os seareiros e todo o mundo en xeral. Sempre me fixeron sentir moi a gusto e importante en todo momento, e axudáronme a medrar como xogador e como persoa. Cedeira é coma a miña segunda casa e espero que siga sendo así durante moito tempo.

Como vives os partidos na retagarda?
A pesar de que a xente poida pensar que é unha posición «fácil» ou «tranquila», nada máis lonxe da realidade. Eu vivo todo o partido con tensión constante, intentando axudar aos meus compañeiros con toda a comunicación posible e, de cando en vez, poder parar algún balón (risas). Mentalmente é unha posición moi complicada, require estar ao 100 % concentrado, porque desde calquera lugar che poden facer dano. Cando cometes un erro, tes que estar moi ben amoblado mentalmente para levalo o mellor posible e intentar seguir dándolles seguridade aos teus compañeiros. Iso é fundamental.

Que parada lembras con máis cariño?
Quizais non sexa a máis espectacular, nin moito menos, pero pode que sexa un penalti que parei en Cambre. Eran os últimos minutos e estabamos nunha situación moi mala na clasificación. Puiden paralo e axudar o equipo a sumar uns puntos moi importantes para poder manter a categoría.

Fotos: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Charly: “Temos un moi bo equipo”

Carlos López Vilasánchez, “Charly” (Ares, 1996), chegou ao Somozas como un dianteiro con experiencia e eficacia na área. Formouse na base do Dépor e Racing,