Mateo Cortizas García (Valdoviño, 2005) cumpre a súa segunda campaña en O Esteo.
Formouse en O Parrulo, onde chegou a xogar co filial, antes de pasar polo Composala. Pivote forte e potente, destaca pola súa capacidade para protexer o balón, xerar espazos para os compañeiros e finalizar cun bo disparo.
Que é o mellor de defender este escudo?
Para min é, sen ningunha dúbida, a relación e a unión que existe entre todas e cada unha das persoas que fan posible a existencia do club, tanto a directiva como a afección, o corpo técnico ou o propio cadro de xogadores. Hai moi boa relación entre todos, é un club moi próximo no que se fan ben as cousas e, a verdade, isto, como xogador, propicia un clima perfecto para competir e gozar ao mesmo tempo.
Como ves o nivel da liga esta tempada?
Este ano a 2ªB ten un nivel alto, con bastantes equipos competitivos. Creo que vai estar, como mínimo, igual de disputada ca o ano pasado, con moitos equipos sendo candidatos aos postos de playoff e do descenso. Diría que a liga se vai decidir por pequenos detalles e que os equipos que consigan manterse enchufados e competir no maior número de partidos posible serán os que estean nos postos de arriba.
Ves ao equipo como un dos favoritos para loitar polo ascenso?
Creo que temos un equipo moi compensado, cun cadro de xogadores amplo que combina moi ben a xuventude coa veteranía. A nivel táctico, somos un equipo difícil contra o que xogar, sobre todo polo ben que atacamos as superioridades co porteiro-xogador. A tempada é moi longa e, como dixen antes, a loita polo ascenso vaise decidir por pequenos detalles. Os equipos que sexan capaces de competir ao máximo no maior número de partidos posible serán os que consigan entrar. O noso obxectivo como equipo é competir ao máximo en cada partido, ser unha piña e dar o mellor de nós mesmos, tanto individual como colectivamente, e, a partir de aí, ver ata onde podemos chegar.
Fotos: sadmoody241



