O fútbol sala regresou ao Pavillón da Malata tras o parón de seleccións cun auténtico espectáculo e unha importante alegría para a afección ferrolá, pois o conxunto de Gerard Casas impúxose por 4-2 ao Servigroup Peñíscola nun encontro cheo de alternativas, no que soubo sufrir nos momentos de maior presión visitante e aproveitar as súas oportunidades para levar os tres puntos. Diogo, Malaguti, por partida dobre, e Yan Matheus puxeron os goles, mentres que Caio César, cunha actuación espectacular baixo paus, foi decisivo para asegurar unha vitoria de moito mérito.
Superado o parón de seleccións, o fútbol sala nacional volveu á normalidade para deleitarnos con outra fin de semana de emocións no Pavillón da Malata, onde O Parrulo recibía o Servigroup Peñíscola. Gerard Casas, que non podía contar nesta oitava xornada cun Rubén Orzáez tocado, saíu co seu quinteto formado por Caio César, Lucas Farias, Novoa, Diogo e Malaguti, mentres que, polo bando visitante, Gerard Pusó configuraba o seu cinco inicial con Gio baixo paus, acompañado de Sanz, Víctor Pérez, Diogo Sancho e Puchy.
Comezou levando a iniciativa no xogo o equipo visitante, que moi pronto probou fortuna cun disparo á escuadra de Víctor Pérez, pero Caio César realizaba unha gran parada para evitar o primeiro gol da noite. O porteiro brasileiro volvería ser protagonista tras outra gran intervención ante a chegada de Puchy. Despois desta última ocasión do conxunto valenciano, O Parrulo reaccionaría da mellor maneira. Nunha contra liderada por Novoa, este realizaba unha gran condución de portería a portería, marca da casa, e servíalle un bo pase a Diogo, que ante Gio non perdoaba e adiantaba os seus no marcador.
O Parrulo estaba cómodo sobre a pista, controlando a vantaxe, presionando o seu rival na saída desde atrás e movendo o balón con rapidez, tratando de atopar algún oco na defensa valenciana. E nunha desas accións chegaría o segundo tanto da noite. Malaguti recibía de costas á portería, aguantaba ben a presión do defensor, conseguía xirar dentro da área e sacaba un bo disparo cruzado, caendo, que batía a Gio para establecer o 2-0. Pero, sen apenas tempo para celebralo, os de Gerard Pusó volverían meterse no encontro. Carles Saladié recibía preto da frontal, atopaba o oco e soltaba un potente disparo ante o que nada podía facer Caio César para poñer o 2-1.
O partido estaba a ser moi atractivo para o espectador, con chegadas ás dúas porterías e cun Novoa espectacular que arrincaba ovacións en cada xogada na que participaba. Este rapaz ten moita maxia. Precisamente, O Parrulo tivo unha ocasión moi clara nas súas botas, tras unha xogada ensaiada que remataba cun forte disparo de Novoa que marchaba rozando o pau. Pouco despois, os ferroláns terían outra oportunidade para ampliar a vantaxe, pero o remate de Jhoy estrelaríase no traveseiro.
O Peñíscola non se amedrentaba e tamén amosaba as súas armas á contra. Nun roubo de balón, Bernardo Anaya plantábase nun man a man ante Caio César, pero o porteiro brasileiro facíase enorme para evitar o empate. Na seguinte xogada, o gardameta conseguía outra parada de mérito ante un potente disparo a queimarroupa de Pablo Muñoz. Tras estas ocasións, os valencianos atoparían o premio. Noutra contra, o balón chegaba ao segundo pau e Sanz, con algo de fortuna, conseguía igualar o encontro.
O Parrulo reclamaría un posible penalti e solicitaría SV, pero, tras a revisión, os colexiados non o concederían. Sen tempo para máis, o partido chegaría ao descanso co empate a 2-2. Foi unha primeira parte emocionante, na que non faltaron os goles, as ocasións nin a intensidade, e que deixaba todo aberto para a segunda metade.
A volta dos vestiarios comezou cunha ocasión moi clara para o Peñíscola, que, tras un control orientado de Sanz, quedaba nun man a man con Caio César, do que saía vitorioso o porteiro do conxunto ferrolán. Os de Gerard Casas responderían de inmediato na portería contraria cunha boa xogada individual de Novoa, pero o seu remate marcharía preto do segundo pau.
O partido non tiña dono e o gol que desequilibrase a balanza podía chegar en calquera das dúas porterías. Tras varias ocasións en ambos os lados, a moeda saíu cara para O Parrulo. Tras unha contra, Novoa enviaba o balón ao pau e, no rexeitamento, Malaguti era o máis rápido para fusilar a Gio dentro da área e adiantar os seus no marcador. Co tanto a favor, o Peñíscola puido empatar na seguinte xogada, pero Caio César estivo providencial unha vez máis.
Co marcador en contra, o Peñíscola lanzábase á procura do empate ante un Parrulo que trataba de manter a vantaxe e sentenciar nalgunha contra. Os visitantes rozaron a igualada a cinco minutos do final. Primeiro, Pablo Muñoz, que estaba omnipresente, estrelaba o balón no pau da portería defendida por Caio César. Posteriormente, Yunii soltaba un potente disparo que rozaba a mesma escuadra e, ademais, os locais acumulaban a quinta falta.
A dous minutos do final, os de Gerard Pusó saían con Quintela como porteiro-xogador na procura do empate. Pero O Parrulo sería quen sacase proveito da situación. Tras un saque rápido de Caio César, Yan Matheus disparaba desde a súa propia área para marcar o cuarto dos locais. O partido aínda deparaba máis emocións e, a menos de trinta segundos para o final, o Peñíscola solicitaba SV reclamando un penalti que os árbitros acabarían concedendo. Víctor Pérez sería o encargado de executar a pena máxima, pero o seu disparo marcharía fóra.
Sen tempo para máis, O Parrulo levaría unha traballada vitoria e tres valiosos puntos nunha noite na que brillou Caio César, que foi un auténtico muro para os rivais. O vindeiro venres, os ferroláns visitarán o Pavillón Anaitasuna de Pamplona para medirse ao Magna Xota ás 20:30 horas.
O PARRULO: Caio César, Lucas Farias, David Novoa, Diogo e Malaguti; tamén xogaron Quelle, Rikelme, Yan Matheus, Jhoy, Brayan e Turbi.
SERVIGROUP PEÑÍSCOLA: Gio, Sanz, Víctor Pérez, Diego Sancho e Puchy; tamén xogaron Flores, Yunii, Pablo Muñoz, Carles Saladié, Bernardo Araya, Elías e Quintela.
GOLES: 1-0 Diogo (2′), 2-0 Malaguti (8′), 2-1 Carles Saladié (9′), 2-2 Sanz (18′), 3-2 Malaguti (29′) e 4-2 Yan Matheus (38′).
ÁRBITROS: David Urdánoz, Eder Gómez de Salazar, Borja Darriba (árbitro 3) e Eva López (cronometradora). Amoestaron aos locais Quelle, Jhoy, Brayan, Malaguti e ao técnico Gerard Casas, mentres que polos visitantes virón o cartón amarelo Sanz, Yunii, Diego Sancho, Quintela e Puchy.
INCIDENCIAS: Partido da oitava xornada da Liga Prime Futsal disputada no Pavillón da Malata.
Foto: sadmoody241



