A directiva do Club Xuventude Laracha presentou ao alcalde o proxecto da nova entidade deportiva

A Laracha conta desde hai apenas un mes cunha nova entidade deportiva centrada na práctica do fútbol que, baixo a denominación Club Xuventude Laracha, foi fundada o pasado día 9 de febreiro e iniciará a súa actividade na temporada 2024-2025 competindo na categoría Terceira Galicia.

A xunta directiva está formada polo presidente Julio Álvarez, o vicepresidente Ricardo Cotelo “Richar”, o secretario Pablo Corral, o tesoureiro Pedro Rey e os vogais Azucena Mariño e Antonio Franco. Os sete directivos foron recibidos hoxe no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, e a edil de Deportes, Patricia Bello, aos que presentaron o proxecto do Club Xuventude Laracha.

A pretensión da directiva é formar equipos de todas as categorías de base, desde biberóns ata xuvenís, para a próxima temporada, xa que facer un proxecto atractivo para os rapaces laracheses e identificarse co pobo será a pedra angular da entidade. Julio Alvarez, o presidente, afirmou que “a nosa idea é traballar cos rapaces da Laracha e para a xente da Laracha con seriedade e responsabilidade”.

O alcalde mostrou a súa “ilusión por ver o nacemento dunha nova entidade” e agradeceulles aos directivos a iniciativa, xa que “permitirá que os laracheses teñan máis oportunidades de practicar deporte”. Tamén lles expresou a plena vontade de colaboración do Concello, do mesmo xeito que se fai con todas as entidades deportivas con sede no termo municipal da Laracha mediante a cesión gratuíta de instalacións, cooperación na organización de eventos, participación en tornos municipais e apoio económico a través da convocatoria anual de subvencións.

O Club Xuventude Laracha está en pleno procedemento de captación de patrocinadores e en próximas datas fará a súa presentación oficial. Pódese contactar coa directiva e seguir a actividade da entidade nas súas redes sociais, con presenza en Facebook e Instagram.

Fotos: Concello da Laracha

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas