O Club MTB Biela e Chaveta e a Concellaría de Deportes téñeno todo practicamente listo para a proba en bicicleta todoterreo que percorrerá boa parte do noso municipio durante a mañá deste domingo 30 de xuño.
Nestes días ultimouse o acondicionamento dalgúns puntos concretos, moi danados polas chuvias do inverno, e volveuse repasar o estado xeral do itinerario que deberán completar as 161 persoas que formalizaron a súa inscrición. A III BTT Concello de San Sadurniño é unha cita non competitiva, aínda que haberá trofeos para o club chegado desde máis lonxe, para o que veña cun grupo máis numeroso, para o que conte con máis compoñentes femininas e para as persoas participantes de maior e menor idade.
A BTT deseñada polo equipo técnico de Biela e Chaveta ten unha dificultade media e ofrecerá dúas rutas alternativas con trazado superposto, unha de 46,5 quilómetros e outra cercana aos 30, tocando Lamas, Ferreira, Igrexafeita, Naraío, San Sadurniño e os concellos limítrofes de Neda e Moeche no caso do percorrido máis longo.
Este último será tamén o máis dificultoso, e non só pola distancia en si, senón polas constantes variacións de nivel que se atoparán os e as ciclistas, sobre todo na banda sur do mapa. Segundo o track publicado pola organización, na BTT alcanzarase unha elevación próxima aos 400 metros e o desnivel positivo sitúase nos 1.225. Con todo, a rolda de 46 quilómetros debería poder facerse en 4,5 horas a unha velocidade media duns 10 km/h. O tramo curto -29 km e 900 metros de desnivel positivo- está calculado para completarse nunhas tres horas e cuarto a unha velocidade media de 8 ou 9 quilómetros por hora.
Tras un cambio de última hora, o arco de saída e meta estará situado na leira da Cortiña. Porén, as persoas inscritas deberán recoller os seus dorsais no CPI de San Sadurniño desde as 7:30 até as 8:30h e despois ir indo para a beira do Xubia, coa previsión de empezar a rodar ás 9:00h.
A proba discorrerá na súa maior parte por camiños e pistas forestais, aínda que tamén haberá momentos en que toque vías municipais asfaltadas e estradas xerais onde non se cortará o tráfico. Nos puntos que presenten maior perigo haberá xente da organización atendendo os cruzamentos. O club Biela e Chaveta contará cun dispositivo loxístico e de seguridade con máis dunha trintena de persoas entre socias e colaboradoras, que tamén se encargarán dos avituallamentos, un situado no aparcamento da parrillada Maria Queira, en Igrexafeita, e o outro na ponte dos Foxos, en Naraío. Neste sentido,
A ruta está pensada para encher toda a mañá, con tempo suficiente para desfrutar do deporte, logo ducharse, lavar as bicicletas e compartir un xantar que está posto para as 14:30h. Para a comida hai 115 persoas inscritas entre organización, ciclistas e acompañantes. Para estes últimos, o Concello e Biela e Chaveta programaron como actividades alternativas unha ruta de sendeirismo pola beira do Aceiteiro e a posibilidade de gozar da piscina municipal durante a mañá.
MÁIS CICLISMO EN AGOSTO E SETEMBRO
E mentres nos preparamos para a III BTT Concello de San Sadurniño deste domingo, Biela e Chaveta e a área de Deportes xa andan preparando as dúas seguintes citas do verán. A máis inmediata será a II Cronoescalada Sanrockeira, fixada para o serán do venres 23 de agosto. Trátase dunha dura subida de algo máis de 3 quilómetros que se celebrará na véspera das festas patronais de Naraío. As inscricións xa están abertas a través da páxina emesports.es.
Xa no mes de setembro, o venres 27, o club e o Concello pecharán cunha BTT nocturna o calendario de catro citas recollido no programa “Sansa sobre rodas”, que comezou hai un mes coa Ruta cilista en familia.
Foto e información: Concello de San Sadurniño