O equipo de Lino López afronta unha tempada apaixonante, marcada por unha profunda renovación do seu cadro de xogadoras e por un reto que volverá situar á cidade naval no escaparate continental ao competir, por terceiro ano consecutivo, na EuroCup Women.
O Baxi Ferrol volve desafiar a lóxica. Cando o verán parecía debuxar un horizonte de incerteza, o conxunto ferrolán atopou, unha vez máis, a maneira de transformar as dificultades en ilusión. Tras a renuncia do Leganés a participar na competición, o club presidido por Santi Rey moveu ceo e terra para facer realidade un soño que dependía dun delicado equilibrio económico. Empresas, a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e outras entidades responderon á chamada, permitindo reunir o orzamento necesario para afrontar o torneo. Co respaldo asegurado, a FIBA confirmou a presenza do Baxi Ferrol na competición, premiando o esforzo colectivo dunha entidade que nunca deixa de crer.
O primeiro gran desafío europeo chegará moi pronto. As xogadoras de Lino López deberán superar unha esixente rolda previa fronte ao Beroe Stara Zagora, de Bulgaria. A eliminatoria comezará como visitante o 24 de setembro e decidirase o 1 de outubro na Malata, que terá que vestirse de gala para empurrar ás súas cara á clasificación para a fase de grupos nun ambiente que promete ser inesquecible.
Sobre a pista tamén comeza unha nova historia. Do bloque que tantas alegrías deu a pasada campaña continúan Claire Melia, Karolina Šotolová e Gala Mestres, tres referentes que achegarán continuidade, experiencia e identidade ao proxecto. Arredor delas construíuse un equipo renovado coas incorporacións da checa Kateřina Galíčková, as españolas Esther Castedo, Tayra Eke e Sandra Martínez, a croata Iva Belošević, a letoa Nikola Priede e as estadounidenses Maggie Doogan e Sydney Shaw. Xuventude, talento e ambición son os alicerces dun grupo deseñado para competir sen complexos.
Moitas das novas xogadoras xa coñecen a esixencia do máximo nivel e chegan con fame de seguir medrando nun proxecto que se gañou o respecto do baloncesto europeo. En canto ao campionato nacional, o Baxi arrincará a liga na primeira fin de semana de outubro medíndose ao Araski na Malata, xa que en Punta Arnela xogarán a partir de novembro, e previamente disputarán a Copa Galicia o 11 e 12 de setembro, onde estará o club ferrolán xunto ao Ensino Lugo, Celta e Maristas.
Foto: sadmoody241




