Sandra Martínez debuta con triunfo no U18 EuroBasket tras a gran vitoria de España ante Eslovenia

A nova xogadora do Baxi Ferrol brillou con 6 puntos, 3 rebotes e 2 asistencias no cómodo triunfo de España ante Eslovenia por 80-31.

A fichaxe do Baxi Ferrol, Sandra Martínez, iniciou da mellor maneira a súa participación co combinado español no U18 EuroBasket, que se está a disputar en Estocolmo (Suecia). O conxunto estatal estreouse cunha contundente vitoria por 80-31 fronte a Eslovenia, nun encontro dominado de principio a fin.

Sandra Martínez, incorporada este verán ao Baxi Ferrol como unha das grandes promesas do baloncesto nacional, deixou unha moi boa carta de presentación coa selección española. A galega estivo sobre a pista durante 16 minutos e 55 segundos, tempo no que sumou 6 puntos, capturou 3 rebotes e repartiu 2 asistencias, contribuíndo ao amplo triunfo do seu equipo.

España amosou unha clara superioridade desde os primeiros compases do partido, sen dar opción ao combinado esloveno e confirmando o seu papel como unha das seleccións chamadas a loitar polos postos de honra do campionato.

O equipo español afrontará este domingo o seu segundo compromiso da fase de grupos, no que se verá as caras con Turquía. A primeira fase concluirá mañá cun novo desafío fronte a Montenegro, co obxectivo de pechar esta rolda con pleno de vitorias e asegurar unha boa posición de cara ás eliminatorias.

Foto: FIBA

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas