A SD Esteirana comeza un novo proxecto no fútbol feminino

O club de Esteiro comeza a dar os primeiros pasos para formar un equipo que terá a Fran Figueroa como adestrador.

O fútbol feminino segue crecendo día tras día na nosa zona e dende a SD Esteirana queren sumarse ao mesmo coa creación dun novo equipo. Varias rapazas da parroquia de Esteiro contactaron coa xunta directiva do club para expresarlles o seu desexo de formar un novo equipo. Dende a Esteirana recolleron o ofrecemento e puxéronse a traballar, contactando cun técnico con experiencia no fútbol feminino, a última no Dumbría, como Fran Figueroa para que fora o encargado de liderar un proxecto ilusionante e ambicioso na parroquia de Esteiro.

UN CORPO TÉCNICO CON MOITAS GANAS DE TRABALLAR POR ELAS E PARA ELAS

Acompañando ao experimentado Fran Figueroa, estará ao mando do Esteirana feminino  a deportista local coñecedora do alto rendemento, Uxía Saborido que será a segunda adestradora e a Preparadora Física, así como Manola Rodríguez, con ampla experiencia no club e que será a delegada do novo equipo feminino.

PRIMEIROS CONTACTOS E XORNADAS DE PORTAS ABERTAS

Varias xogadoras da zona amosaron xa o seu interese en xogar na SD Esteirana, pero dende o club de Esteiro farán varias xornadas de portas abertas. A primeira será o próximo sábado 15 de xuño as 12:00 no campo de fútbol José Luís Vara, onde agardan recibir a todas aquelas futbolistas que queiran coñecer de primeira man a idea do novo equipo onde a semente vai prendendo, sendo un reto ilusionante que as rapazas desfrutarán como merecen.

GRAN APOIO DA MASA SOCIAL DO CLUB E DA PARROQUIA DE ESTEIRO

Dende que se anunciou a creación do novo equipo feminino da SD Esteirana cabe destacar as boas reaccións tanto do resto das categorías do club como da parroquia de Esteiro, resaltando a ilusión posta pola xunta directiva e o gran apoio recibido por parte do conxunto sénior masculino do club. Da mesma forma salientar que a parroquia de Esteiro embarcouse  co novo proxecto do seu club, con esa maneira tan propia de vivir o fútbol que ten a vila, ben sexa no Campionato de Barrios, nos partidos dos equipos de base ou sénior, animan sempre con fervor ao seu equipo tanto no José Luís Vara como nos desprazamentos.

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas