Non tivo final feliz o soño do Sofán e de toda a sua parroquia na I Supercopa Galicia, pero os de Carballo realizaron un gran partido no Estadio de Abanca Balaídos e gozaron dunha experiencia inesquecible para toda a familia sofanista.
Ambos equipos saíron a desfrutar do terreo de xogo, cun fútbol de ataque que buscaba a portería rival. O Portonovo conseguía adiantarse no minuto 22 cun gol de Hugo Soto, pero os de Pablo Torreira pronto reaccionaban conseguindo o 1-1 por mediación do goleador Javi Souto cun gran remate dun centro desde a banda esquerda. Ambos equipos buscaron chegar con vantaxe ao descanso, sendo os da provincia de Pontevedra os afortunados co 2-1 conseguido de novo polo seu «killer«, Hugo Soto, con experiencia no pasado en categorías superiores, pero o Sofán, co empuxe dos seus 600 siareiros, conseguía o 2-2 gracias a Fita pouco antes do intermedio.
Na segunda metade baixou o ritmo de xogo pero non o da ilusión. Os xogadores de ambos equipos sacaron forzas e orgullo para ofrecer un gran partido nun campo de grandes dimensións como o de Abanca Balaídos. Hugo Soto lanzaba unha falta que daba no pau da portería defendida por Gardu. No minuto 78 o ex- xogador do RC Celta, cunha gran bagaxe no fútbol profesional, Dani Abalo, facía o 3-2 para o Portonovo. Os de Carballo tiraron de orgullo e buscaron o empate volcándose ante a portería rival, pero non houbo sorte e os de Pablo Torreira terían que conformarse co subcampionato da I Supercopa Galicia, sen dúbida un gran éxito tanto deportivo como social para unha parroquia orgullosa do seu equipo de fútbol. Dende a directiva da SD Sofán quixeron agradecer públicamente o esforzo e apoio de todos os afeccionados que se desplazaron ata Vigo e viviron unha auténtica festa do fútbol galego que contou con 1600 espectadores nas bancadas.
Xogaron pola SD Sofán: Brais (Gardu, min. 46); Iván, Noé, Becerra, Braian, Fita (Luca, min. 69), Fabián (Taibo, min. 88), Bandera (Dani Pena, min. 88), Currás (Montero, min. 79), Martín e Javi Souto.
Os de Pablo Torreira céntranse xa no partido da 15ª xornada da Preferente Galicia na que rendirán visita a S.D. Residencia no campo de A Cheda de Lugo este domingo 10 de decembro a partir das 16:30.
Fotos: Futgal