Nova vitoria para O Parrulo ante un Melistar que non puxo as cousas fáciles

Os ferroláns sumaron tres valiosos puntos nunha vitoria moi traballada por 4-3 ante un Melistar que non baixou os brazos, protagonizando un partidazo dos que fan afección ata o asubío final.

Buscaba O Parrulo de Gallego unha nova vitoria con dúas baixas importantes como Adri e Rumbo, formando o seu quinteto inicial con Coro, Charly, Domingos, Rubén Orzáez e Pedro, mentres que o Melistar Futsal dirixido por Jordi Gai saíu con Gonzalo Poboa, Spellanzon, Masa Osawa, Wallace e Nico Rolón.

O encontro iniciou cun aviso moi claro do Melistar Futsal cun forte disparo de Masa Osawa que se estrelou na cruceta. Tras este aviso, O Parrulo fixo o primeiro da noite tras un centro de Pedro desde a liña de fondo e que Rubén Orzáez remata chegando desde atrás. Os ferroláns dominaban claramente con desde o inicio e o segundo non tardaría en chegar cando Novoa enviou un trallazo desde a frontal da área que rozaba nun defensor o suficiente para despistar a Gonzalo Poboa e sumar o segundo tanto local.

O tempo transcorría sen serias ameazas en ambas as porterías, co Melistar buscando facer dano con disparos afastados e O Parrulo conservando a pelota e tratando de aproveitar os espazos. Desta maneira, no ecuador do primeiro tempo, un bo balón filtrado de Rubén Orźaez deixaba a Aitor nun man a man contra Gonzalo Poboa, pero o caneo escapábaselle. Na seguinte xogada, cambiaba o protagonista, sendo Rubén Orzáez o que tería o terceiro preto nunha dobre oportunidade que conseguía rexeitar o porteiro rival. Insistían os ferroláns e nunha nova chegada Keita aguantaba dentro da área de costas a portería e cun sutil taconazo, envía o balón á madeira.

O Parrulo dominaba o encontro ante un Melistar que non se rendía e apertaba co paso dos minutos, aínda que eran os de Gallego os que roldaban o terceiro nunha contra conducida por Novoa e que superaba a Poboa cunha picadita, pero o balón golpeaba a cruceta. Na seguinte xogada era Aitor quen tivo outra clara cun disparo raso que o porteiro rival consegue rexeitar.

Os vinte minutos consumíronse e o partido chegaba ao descanso con vitoria ferrolá por 2-0  con dúas tantos temperáns de Orźaez e Novoa nunha primeira parte con dominio de O Parrulo ante un Melistar combativo que non quería poñer as cousas fáciles.

O partido renovouse cos dous equipos moi eléctricos nos primeiros compases e do mesmo xeito que no primeiro tempo, o Melistar comezaba avisando cun man a man de Claudio ante o que Coro responde tapando ben. O Parrulo respondía por medio de Novoa, que recortaba a Pablo González e soltaba un lategazo que Gonzalo Poboa conseguía repeler cunha boa man.

O Parrulo volvería atoparse co gol nun contragolpe liderado por Keita e que Aitor non perdoaba para facer o terceiro dos ferroláns e dar tranquilidade ante o curto que era o resultado. Este tanto foi un xerro de auga fría para o Melistar, que saíra con moita intensidade tratando de acurtar distancias e que ademais, acumularon nestes minutos tres amarelas ao ver tarxeta Nico Rolón, Javi Sánchez e Spellanzon.

Con sete minutos por diante e sen nada que perder, Jordi Gai cambiou o sistema empregando a Wallace como porteiro-xogador e na primeira xogada con superioridade obtiñan o premio cun tanto de Claudio que superaba a un tempo chegando ao segundo pau. O tanto visitante provocaba a reacción da bancada, que se envorcaban con O Parrulo para esta última arrancada final, pois o Melistar estaba a presionar e rozou o segundo tanto nun pase da morte ao que non chega Claudio a conectar por un milímetro.

O Melistar púxolle emoción ao últimos cinco minutos cando o omnipresente Claudio fixo o segundo tras aproveitar un rexeite dentro da área ferrolá. Os visitantes estaban a aproveitar ben a superioridade do porteiro – xogador ante un O Parrulo dubitativo nos minutos finais froito do segundo tanto do Melistar. Wallace mesmo poñería os nervios a flor de pel cun rexeite que cazaba dentro da área e que enviaba ao poste. Pero tras esta xogada, unha perda do Melistar propiciaba un gran tanto de Domingos que cazaba o balón e marcaba a portería baleira desde o seu campo para traer a tranquilidade ao pavillón da Malata. Charly rozaría o quinto nun novo roubo de balón, pero Wallace conseguía sacar dentro da área.

Con doce segundos en xogo, Spellanzon enviou un mísil desde longa distancia ante o que nada puido facer Coro e que brindaba un final de partido dos que fan afección. Con este tanto, o partido chegaba ao seu fin cunha nova vitoria moi traballada de O Parrulo ante un Melistar que nunca baixou os brazos e protagonizaron un duelo moi apaixonante entre os dous conxuntos.

O PARRULO: Coro, Charly, Domingos, Rubén Orzáez e Pedro; tamén xogaron Aitor, Keita, Novoa, Negro e Turbi.

MELISTAR FUTSAL: Gonzalo Puebla, Spellanzon, Masa Osawa, Wallace e Nico Rolón; tamén xogaron Pablo González, Javi Sánchez, Claudio, Salvi, Vitinho, Kiko e Iván Fernández.

GOLES: 1-0 Rubén Orzáez (1′), 2-0 Novoa (5′), 3-0 Aitor (26′), 3-1 Claudio (33′), 3-2 Claudio (35′), 4-2 Domingos (38′) e 4-3 Spellanzon (39′).

ÁRBITROS: Adrián Calleja Rubio e Gael García Schmid. Amoestaron aos aos visitantes Nico Rolón, Javi Sánchez e Spellanzon.

INCIDENCIAS: Partido da undécima xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucía Rivas: de verde a laranxa

Lucía Rivas finalizou a súa etapa no conxunto verde do Valdetires para enfundarse o laranxa dun Viaxes Amarelle no que compartirá vestiario con coñecidas como

Álex Permuy: cumprindo un soño

Falar de Smash Padel 4 é falar do seu fundador Álex Permuy e unha vida plenamente dedicada ao deporte, coñecido polo seu pasado futboleiro (Numancia