A valdoviñesa do Real Sporting de Gijón, Laura Testa, gozou da súa primeira titularidade e participou en todos os encontros

A centrocampista, con pasado en equipos como o Narón O Freixo ou o conxunto herculino, así como a selección ferrolá e galega, leva tres xornadas de liga disputadas, e aínda que as xixonesas non lograron sumar puntos, conseguiron a súa primeira vitoria oficial na primeira rolda da Copa da Raíña.

Laura Testa Roca (Valdoviño, 2005), chegou este verán ao conxunto xixonés do Real Sporting de Segunda Federación procedente do filial do Dépor, que xogaba na categoría inmediatamente inferior.

Testa debutou en competición oficial co Real Sporting na primeira xornada ante o Rayo Vallecano (0-2) cando saíu desde o banco no 82’ por Cueto, tendo incluso unha oportunidade de marcar cando enganchou un balón dividido na frontal da área, pero o disparo marchouse por encima da portería rival. Tras esta xornada chegaría a seguinte oportunidade na vitoria do seu equipo no derbi asturiano ante o Real Oviedo (2-4) no Carlos Tartiere, con Testa saíndo no 67’ por Granda. Tras pasar esta fase, na segunda rolda, tamén a partido único, o Real Sporting recibirá en Mareo ao RC Deportivo. No segundo partido de liga, a valdoviñesa sumaría máis minutos saíndo ante o SD Eibar “B” (0-2) no 46’ en substitución de Valbuena para disputar todo o segundo tempo. Finalmente, na pasada xornada contra o Athletic Club “B” en casa (0-2), Testa sumou a súa primeira titularidade, disputando todo o primeiro tempo e sendo substituída por Granda no 59’.

Laura Testa é unha centrocampista de perfil defensivo, pero que tamén pode acompañar en tarefas ofensivas. Entre as súas calidades, destaca pola boa zurda que ten, capaz de filtrar balóns ou poñer centros medidos, así como un bo disparo, e que, sumado ás súas condicións físicas, chega moi ben como segunda liña. Todo isto valeulle para irse gañando a confianza do técnico Sergio Pérez e ir sumando minutos para adquirir máis experiencia e adaptarse ao club e á Segunda Federación.

Foto: Real Sporting de Gijón

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas